Agasallo do pintor Manuel Romero á memoria de Antón Fraguas

O pintor Manuel Romero, (Noia-A Coruña, 1943), a suxerencia do Profesor Manuel Regueiro Tenreiro, quixo render homenaxe á memoria de Antón Fraguas, co gallo das actividades que organizan os antigos alumnos e amigos lucenses, con cinco obras que reflicten a Fraguas en cinco momentos da súa vida, coa referencia física que o identificou nese tempo, e no seu extraordinario labor.

Os cinco cadros, cinco tempos, cinco edificios recreados polo pintor noiés son:

1. Fraguas mozo, diante do Instituto Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela

1. Fraguas mozo, diante do Instituto Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela

2. Lembranzas de xuventude: Un Fraguas xa maduro, preto da igrexa de Cotobade

2. Lembranzas de xuventude: Un Fraguas xa maduro, preto da igrexa de Cotobade

3. O Fraguas dos anos cincuenta, diante do “Masculino”, o seu Instituto lucense, que agora é o “Instituto Lucus Augusti”

3. O Fraguas dos anos cincuenta, diante do “Masculino”, o seu Instituto lucense, que agora é o “Instituto Lucus Augusti”

4. Antón Fraguas, no antigo edificio do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

4. Antón Fraguas, no antigo edificio do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

5. Fraguas, diante do seu Museo do Pobo Galego

5. Fraguas, diante do seu Museo do Pobo Galego

Estes cinco cadros figuran nesta publicación (o número 3, tamén na portada), e na exposición itinerante sobre os anos lucenses do profesor. E se esta difusión xa constitúe unha excelente homenaxe á lembranza do noso excepcional profesor, a homenaxe resulta rotunda pola vontade do artista creador de doar cada cadro á institución á que se refire, e así o numero 1 será entregado ao Instituto santiagués “Rosalía de Castro”; o número 2 ao concello de Cerdedo-Cotobade; o 3 ao Instituto Lucus Augusti, onde tantos amigos devotos Fraguas conquistou; o 4, ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e o 5 ao Museo do Pobo Galego.

Manuel Romero

Nado en Noia (A Coruña) no 1943. Tivo unha infancia e adolescencia moi difícil. Orfo de pai aos tres anos, foi abandoado aos cinco xunto cos seus tres irmáns (o cuarto desapareceu). Despois de estar sen teito un ano foron recollidos na Casa Cuna da Deputación da Coruña, e despois levados ao Hospicio; máis tarde ao Fogar Calvo Sotelo. Excluído deste “Fogar”, voltou á rúa nun mundo hostil e para el descoñecido, ata o seu ingreso na “mili”. Durante o servizo militar casou con Mª Carmen e á saída emigraron a Londres.

Manuel Romero

 

Abríronse paso traballando, el de camareiro, ata que abriu e triunfou co seu restaurante. Neste tempo, como afección, asistía ás clases de pintura no Putney School of Art. En 1983 chegou o momento (el pensa) que debe decidir: hostalería (seguridade) ou pintura (risco). A opción foi pola pintura. Neste ano cursa os estudos preuniversitarios (matrícula de honor) na Wimbledon School of Arts. No curso 1984 foi aceptado no Kingston Polytechnic, onde realizou os estudios de Bachelor of Art que tamén superou con matrícula de honor. O mesmo aconteceu cos estudios de Master of Art no exclusivo Royal College. En 1991 foi nomeado european lector na Universidade de Kingston.

A partir destes brillantes estudos e docencia, encadea unha serie de responsabilidades, premios e exposicións que se fixeron desde Oxford, pasando por Santiago de Compostela, París, Tokio, Chicago…. Como exemplo subliñamos que en 1994 concedéronlle, tódalas embaixadas hispano-parlantes en Londres, a medalla de Ouro polo seu traballo a prol da arte e a divulgación da cultura.

Na actualidade, de volta en Galicia, desfruta en Cambre coa súa compañeira Esther, cos amigos e coa pintura e, como el mesmo afirma: “xogo a soñar, para poder pintar, e mentres tanto sigo a soñar…”.

(Máis información en www.galiciadigital.com).

Unha visión da técnica pictórica dos cinco cadros sobre D. Antonio Fraguas

A pregunta que pode formular o lector é: por qué pinta Romero ao Profesor Fraguas en Lugo? Cremos que son dous os motivos: Un, o máis importante, por ser e sentirse galego ata a médula , e ser “seguidor” das letras e artes galegas. E dous, por ter unha antiga relación con Lugo, non unicamente por ter amigos aquí, senón tamén por participar en traballos de pintura nesta cidade: recordamos que xa en 1998 foi gañador do concurso de Lugo Nelson Zumel.

A técnica pictórica de Manuel Romero ten un permanente obxectivo: o estudio é búsqueda de novos aspectos da percepción humana e da creación da luz (a realidade absoluta) e das súas expresións en cores.

Ao servizo dese obxectivo está todo o traballo do artista coa busca de novos medios, p.ex., o microscopio, tódolos métodos, formatos de encadre (circulares, rectangulares), así como a diversidade de texturas e tipos de materiais. Nestes cinco cadros vemos tamén outra característica do seu quefacer: a innovación. Usamos as súas explicacións como agasallo aos visitantes desta exposición:

Unha das técnicas que uso nestes cadros dedicados a D. Antonio Fraguas é unha técnica elaborada por min. Levoume máis de cinco anos perfeccionala e lograr o resultado esperado.

Esta técnica ten como base a pintura ao óleo líquida. Non uso pinceis. O sistema de pintar e debuxar ten que ser como un bosquexo, sen reparar moito na calidade do debuxo. A maneira de pintar é como nunha chapa de cobre procurando relaxarse coa imaxe.

A última fase deste tipo de cadros foi resultado dunha especie de “rebeldía persoal” contra unha das directoras da galería de Londres que levaba a miña obra. Os clientes querían que lles firmaran e dedicara a miña obra. Ela opoñíase. Pero eu escribía nas miñas obras (dentro do cadro) onde vivía, onde nacera, ou os nomes dos meus pais e outras cousas que, en principio, pasaban desapercibidas. Ata que un día lle dixen que se fixara ben nos cadros….

Polo dito, algunhas veces escribo frases na obra, xa que quero personaliza¬las para a atención dos visitantes.

Lugo, marzo de 2019