Antonio Fraguas en Lugo (Antonio Prado Gómez)

Algunhas referencias biográficas
O Instituto Masculino
O docente “San Fraguas”
Máis aló do Instituto: o Círculo das Artes
Máis aló do Instituto: El Progreso
Máis aló do Instituto: Vida Gallega
Máis aló do Instituto: Outras relacións
Lugo na memoria de don Antonio
O autor dunha extensa e dispar obra escrita
Epílogo


Algunhas referencias biográficas

Antonio Fraguas Fraguas nace en Loureiro de Cotobade, Pontevedra, o 28 de decembro de 1905. Estudante serodio, ingresa en 1919 no Instituto de Pontevedra, no que remataría con brillantez o bacharelato no curso 1923-24, asumindo plenamente o pseudónimo que lle aplicaron os seus compañeiros de “Antonio o da aldea”1.

En 1924 matricúlase na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago onde realizaría unha aproveitada carreira que remata no ano 19292. Durante eses anos de alumno universitario incorporaríase ao Seminario de Estudos Galegos e comezaría a colaborar nas campañas de investigación arqueolóxica, unha actividade que ía interesarlle toda a súa vida, aínda que máis desde o punto de vista da clasificación e catalogación que da escavación.

Antonio Fraguas (c. 1925)

Antonio Fraguas, c. 1925

O mesmo ano en que ter­mi­na­ba a súa carreira uni­­ver­­s­itaria empezaba a de docente, que de­senvolvería durante un lustro como profesor axudante do Instituto pro­v­in­cial de Santiago e da Uni­versi­da­de compostelá. Outra data clave da súa vida por estes anos sería a do 16 de xullo de 1932, cando contrae matrimonio con Teresa Martínez Magariños, ini­ciando unha prolon­gada unión rematada, sen descen­dencia, coa morte de Teresa en 1996.

En outono de 1933 era no­meado profesor do Colexio de A Estrada, un centro que ao ano seguinte se convertería en instituto elemental de Segunda Ensinanza e que en 1935 pasaría a condición de instituto nacional. Antonio Fraguas, aproveitando o cargo de secretario que ocupou, intentaría trocar o centro docente nun núcleo dinamizador da cultura estradense, organizando conferencias e charlas de carácter científico e literario, e poñendo en marcha a biblioteca, os laboratorios e un gabinete de Historial Natural.

A Guerra Civil cambiou completamente o panorama vital e profesional do noso biografiado, que xa non podería iniciar as clases do curso 1936-37. Acusado de simpatizar co Partido Galeguista, era suspendido do seu cargo e expulsado da docencia pese a que presentou un longo escrito como defensa no que aludía ao seu incuestionable perfil católico e conservador. O expediente sería revisado en 1940, acordándose sancionalo con suspensión de emprego e soldo por dous anos, sen que puidese ocupar cargos directivos nin de confianza no sucesivo.

Baixo a estrita vixilancia dun réxime político franquista que limitaba o seu desenvolvemento como docente, nos anos corenta residiría en Santiago de Compostela subsistindo cos escasos recursos económicos que lle aportaban as súas clases de profesor axudante de Historia Universal e de Xeografía na Universidade. Completaba eses escasos ingresos con clases particulares na Academia Menéndez Pelayo. En 1943 opositaría a cátedras de Xeografía e Historia de Institutos pero sen éxito, fracaso no que hai que supoñer que algo tiveron que ver os problemas políticos. Esa frustración non minguou a súa actividade investigadora nin os seus compromisos culturais, que continuou cumprindo con entusiasmo e que culminaron, en xuño de 1948, coa presentación da súa tese do doutoramento na Universidade de Madrid. Así mesmo, ao recuperarse en novembro de 1943 o sentido do Seminario de Estudos Galegos, que fora suprimido durante a Guerra Civil, e logo de constituírse como continuador o Instituto Padre Sarmiento, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, Antonio Fraguas integraríase na nova institución e ocuparía nela os postos de bibliotecario, secretario e responsable da sección de Etnografía e Folclore.

Remate da carreira de Filosofía e Letras (Expediente persoal de Antonio Fraguas, AILA).

Remate da carreira de Filosofía e Letras (Expediente persoal de Antonio Fraguas, AILA)

En 1950 aproba por fin as oposicións a cátedras de instituto e obtén a praza de Xeografía e Historia do Instituto Masculino de Lugo. Un ano despois sería elixido académico de número da Real Academia Galega, para ocupar a cadeira que antes correspondera a Alfonso Rodríguez Castelao, quen falecera en xaneiro dese ano no exilio arxentino.

A década que Fraguas permaneceu en Lugo é probablemente a máis activa da súa produción ensaística xa que, á publicación dos dous libros baseados na súa tese de doutoramento hai que engadir a da Geografía de Galicia que apareceu en 1953, a da monografía sobre Santiago de Compostela de 1957 e a de numerosos artigos e recensións que ven a luz a través de diferentes revistas e boletíns, aos que dedicaremos logo unha atención máis pormenorizada.

No verán de 1959 retorna por traslado a Santiago, concretamente ao Instituto Rosalía de Castro, centro no que permanecería ata a xubilación no ano 1975. Nesta etapa docente, na cidade e no contorno intelectual da súa predilección, incrementou as actividades de colaboración con algunhas das máis importantes institucións culturais da cidade do Apóstolo, aínda que se resentise un tanto o seu labor como publicista.

Instituto Rosalía de Castro de Santiago

Instituto Rosalía de Castro de Santiago

Non pode dicirse que Fraguas estivese descontento en Lugo, unha cidade que lle deu a oportunidade de recuperar plenamente o papel docente e investigador, pero non hai dúbida de que o regreso a Santiago resultaba nostálxico, xa que era o seu contorno de referencia polas oportunidades acadé­micas e intelectuais que ofrecía a cidade do Apóstolo. Alí queda definitivamente instalado para o curso 1959-60 no chamado Instituto Feminino ou Rosalía de Castro, un centro de recente creación pero situado nun emblemático edificio do século XVII –o Colexio de San Clemente– e que pronto se convertería nun referente académico compostelán.

Nese instituto –­­onde impartía clases a rapazas e non a rapaces como sucedera en Lugo– concluiría Antonio Fraguas a súa actividade académica en decembro de 1975, mais ata entón, como home comprometido que foi sempre, exercería non só os labores docentes que lle correspondían, senón tamén outros complementarios, como os de xefe de estudos, catedrático–titor de docentes en prácticas, profesor colaborador do Instituto de Ciencias da Educación, e mesmo, fóra do centro, as de profesor adxunto de Xeografía da Facultade de Filosofía y Letras compostelá.

O asentamento nunha cidade universitaria permitiríalle non só manter, senón mesmo acrecentar as actividades intelectuais ás que era tan afeccionado. Así, continuaron as colaboracións coa Universidade, co Instituto Padre Sarmiento ou co Museo do Pobo Galego, e con elas asumiría outras responsabilidades como membro da Real Academia Galega e como director do Museo Municipal de Santiago. Debe dicirse, sen embargo, que nos tres lustros como catedrático do Instituto Rosalía de Castro, esas múltiples actividades como docente e como colaborador institucional farían que (como xa indicamos) se resentise o seu labor como publicista, que non desapareceu, pero que quedou reducido, sobre todo, a artigos e recensións bibliográficas.

Antonio Fraguas c.1970

Antonio Fraguas, c. 1970

En 1976, aos poucos meses da súa xubilación, conformábase o Patronato do Museo do Pobo Galego, do que sería nomeado vicepresidente e logo primeiro director do Museo, para, finalmente, ocupar a presidencia do Padroado en 1989 á morte do anterior presidente, Xaquín Lorenzo Fernández. Con esta institución identificaríase plenamente nos últimos anos da súa vida.

En 1978 reconstituíase o Seminario de Estudos Galegos, presidido por Ramón Martínez López; Fraguas figuraría como membro vitalicio da renacida institución xunto con outros oito intelectuais “históricos” galegos, e en 1983 sería elixido vicepresidente da institución.

No mesmo ano créase o Consello da Cultura Galega, un organismo que pre­tendía recoller a tradición cultural do galeguismo e ao que Antonio Fraguas se incorporaría tamén, e no que se mantería ata a súa morte, como coordinador da sección de Antropoloxía.

Todo este amplo labor cultural e docente veríase recompensado na etapa final da súa vida con numerosas distincións: o Pedrón de Ouro e a Medalla Castelao, o título de Hijo predilecto de Santiago e a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego, todas elas recibidas en 1984 cando estaba a piques de converterse en octoxenario. En 1985 concedíaselle o Premio Trasalba; en 1988 o Concello de Santiago imponlle a medalla de ouro ao mérito cidadán e cultural e a Xunta de Galicia hónrao co Premio de Inves­tigación. En 1989 o Concello de Lugo, atendendo á petición dos seus ex­alumnos do Instituto Masculino, acorda dedicarlle unha rúa, nas mesmas datas nas que aqueles discípulos promovían unha homenaxe ao vello profesor. En 1990 será o Concello de Melide o que rotule outra rúa co seu nome. En 1992 é nomeado Cronista Xeral de Galicia, e nese mesmo ano recibe o Premio Otero Pedrayo outorgado polas catro deputacións galegas. En 1994 será condecorado coa medalla de ouro e brillantes da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas; ese mesmo ano pónselle o seu nome a un instituto de Santiago e recibe unha homenaxe no seu municipio de nacemento. En 1995 a Xunta de Galicia outórgalle o Premio das Letras e das Artes, a insignia de ouro da Universidade de Santiago e a insignia de ouro de Compostela, cidade que ademais lle dedica unha das súas principais avenidas.

Antonio Fraguas, c.1985

Antonio Fraguas, c. 1985

En 1998 o seu biógrafo máis importante, Clodio González Pérez, recollía un testemuño persoal –xa case que un epitafio– do biografiado, no que realiza unha valoración do sentido da súa vida persoal e profesional: “Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertéi, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio. A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron ó longo dos anos, traballan agora e seguirán traballando arreo no futuro, sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia, por amor á nosa Terra”3.

Antonio Fraguas morre en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, poucos meses despois de aprobarse a creación da Fundación que pretendía rememorar a súa persoa, a súa obra e o seu legado intelectual.

O Instituto Masculino

O Lugo dos anos cincuenta que recibe a Antonio Fraguas é unha pequena cidade de apenas 50.000 habitantes, con escasa proxección fóra do seu circuíto amurallado romano. Conta só con dous centros educativos públicos de ensino medio: os Institutos Masculino e Feminino, que reciben tal apelativo como consecuencia das medidas educativas do franquismo que, desde 1939, impuxeran a organización da ensinanza deste nivel en distintos centros para rapaces e rapazas. O primeiro, que sería ao que chegaría o profesor Fraguas, estaba nos anos cincuenta a inaugurar un novo edificio na avenida Rodríguez Mourelo, o Feminino instalábase de momento nunha casona do centro da cidade, e non inauguraría o seu novo inmoble ata 1958.

Desde o punto de vista urbanístico eses anos que Fraguas pasaría en Lugo permitiríanlle contemplar cambios importantes na cidade, cambios que tamén se percibían nun país que por primeira vez saía do seu illamento internacional e iniciaba un incipiente desenvolvemento económico que o iría apartando da longa década de ostracismo e fame que se prolongara desde a Guerra Civil4. Nesa década central do século construiríanse varios dos edificios emblemáticos da cidade; para empezar, a Escola Normal de Maxisterio, o men­cionado Instituto Feminino, e o Colexio da Compañía de María, inmobles cos que se perfilaba definitivamente a chamada Cidade Cultural que se iniciara coa construción do Instituto Masculino nos anos corenta. Preto da cidade, o mesmo ano en que Fraguas chegaba a Lugo, o moi activo mecenas Antonio Fernández López fundaba o Colexio Fingoi, unha institución educativa privada na que se pretendía desenvolver un novidoso sistema de ensino. Ademais, na vella cidade romana erguíanse o novo edificio da praza de Abastos e o da Telefónica na rúa Quiroga Ballesteros, e Lugo tampouco era allea a unha certa recuperación económica xa que na ata entón urbe eminentemente agraria e comercial configurábase o gran centro manufactureiro de Frigoríficos Industriais de Galicia (FRIGSA), nun enorme recinto que sería inaugurado polo xeneral Franco en 1957 e que enriquecería a actividade dun sector industrial que se iniciara nos anos corenta con experiencias leiteiras, cárnicas, eléctricas ou madeireiras de menos entidade. O mesmo Fraguas advertía da instalación desta factoría na páxina 249 da Geografía de Galicia que publicaba en 1953.

O Instituto Masculino, a piques de rematarse

Instituto Masculino a piques de rematarse

Outra mostra da recuperación económica e financeira sería a construción na praza de San Domingos do edificio central da Caixa de Aforros. No terreo socio-sanitario aparecerían, ademais de algúns sanatorios privados, o Instituto Nacional de Previsión da praza do Ferrol, a Residencia Sanitaria Hermanos Pedrosa, e o novo Instituto de Hixiene. No xurídico, o novo pazo de Xustiza da praza de Avilés, e no campo cultural o magnífico edificio construído por Gómez Roman para Museo provincial, ou o cine Paz da rúa García Abad. Todo este progreso urbanístico lucense merecería unha nova visita do xeneral Franco no verán de 1958, quen fixo un acelerado periplo inaugurador que rematou na I Feira Exposición de Lugo, entendida como escaparate das producións e actividades de todos os concellos da provincia.

Noticia do traslado de Antonio Fraguas ao Instituto Masculino de Lugo

Noticia do traslado de Antonio Fraguas ao Instituto Masculino de Lugo

El interesado, D. Antonio Fraguas y Fraguas a quien se refiere el presente Título, ha sido nombrado catedrático numerario de Geografía e Historia de Institutos Nacionales de Ensª Media, con destino en este Instituto Nacional Masculino, en virtud de oposición, en turno libre.

(Arquivo do Instituto Lucus Augusti, Expediente persoal de Antonio Fraguas Fraguas)

Destas novidades sería testemuña Antonio Fraguas, que chega á cidade das murallas no mes de maio de 19505 como catedrático de Xeografía e Historia do Instituto Masculino, un centro onde compartiría traballo docente cun equipo de catedráticos verdadeiramente excepcional, probablemente o mellor da historia do instituto decano de Galicia, e no que se integraban profesores da categoría do naturalista Francisco Bernis Madrazo, do literato Lázaro Montero de la Puente, do químico Delio Mendaña Álvarez, do filósofo Glicerio Albarrán Puente, dos matemáticos Alfredo Rodríguez Labajo e Luciano Fernández Penedo e do lingüista Froilán López y López. Fraguas viña ocupar a cátedra vacante pola morte, o 20 de decembro de 1947, de Primitivo Rodríguez Sanjurjo, amigo, como el mesmo, de Ramón Otero Pedrayo.

A súa incorporación ao centro coincidía co traslado do Instituto a un moderno e magnífico edificio que se construíu na que ía ser a Cidade Cultural de Lugo. Na sesión de claustro do 15 de setembro de 1950 dábaselle a benvida, recordando a súa recentemente adquirida condición de doutor, e definíndoo como un home “de cualidades excepcionales”. A integración do noso protagonista na dinámica académica será inmediata, e moi pronto recoñecerían os seus compañeiros o entusiasta espírito docente que sempre tivo; así, para a inauguración do curso 1951-52, encomendábaselle a conferencia de apertura que versaría sobre “Doña Emilia Pardo-Bazán. Notas de un lector6, unha temática elixida con ocasión do centenario do nacemento da escritora, acontecemento que tamén conmemoraba polas mesmas datas o Instituto Padre Sarmiento do que era colaborador.

Excursión cos alumnos do Instituto Masculino a Santiago

Excursión cos alumnos do Instituto Masculino a Santiago

Pouco despois7, tiña a oportunidade de desenvolver, xunto con outros profesores, unha das súas estratexias pedagóxicas máis queridas e habituais acompañando a unha excursión dos alumnos de 5º curso a Santiago, viaxe na que sen dúbida faría gala do seu coñecemento da cidade. Máis tarde, faría outra cos alumnos de 6º curso a Ferrol para visitar o Arsenal, o canoneiro Legazpi e a fábrica de lapis Hispania, Johann Sindel.

Orla de alumnos de Fraguas no Instituto Masculino

Orla de alumnos de Fraguas no Instituto Masculino

As actas de claustro do Instituto lucense dedican certa atención a diversos aspectos da súa personalidade e do seu traballo, que sempre foi intenso. Na reunión extraordinaria de 5 de xuño de 1953 é nomeado vice­secretario tras unha readaptación do equipo directivo; na apertura do curso 1953-54, colaboraría con Glicerio Albarrán nos actos de inauguración pro­gramados para o 8 de outono8, e nese mesmo ano sería designado dele­ga­do de curso preuniversitario ao mesmo tempo que o claustro o felicitaba, xunto a Glicerio Albarrán, polo activo labor que ambos realizaban como publicistas e conferenciantes9. Na sesión do 26 de abril dese ano, na que se inicia un disputado proceso para o nomeamento de director do Instituto, Antonio Fraguas é un dos catedráticos máis valorados pese ao pouco tempo que levaba no centro10. A comezos do curso 55-56 ocuparía interinamente a xefatura de estudos ata o asentamento dunha nova directiva, e cando se constitúa esta11, pasaría a desempeñar o posto de secretario tras un éxito electoral ben expresivo, obtendo 14 votos fronte a un único voto dos seus contrincantes12. De feito, isto supoñía unha enorme acumulación de traballo que un docente que por razóns familiares se desprazaba continuamente a Santiago13, non podía asumir, por iso dimite dos cargos de xefe de estudos e de delegado do curso preuniversitario, e queda co de secretario, que mantería o resto da súa etapa docente en Lugo, sen que lle afectase o cambio de dirección producido no verán de 1958, no que Lázaro Montero substituiría a Glicerio Albarrán14.

No curso 1955-56, con Fraguas como secretario, despediríase a don Jesús Varela Novo, toda unha institución do Instituto, un personaxe que formara parte do persoal do centro desde os anos vinte e que exercera realmente as funcións de secretario desde 1930 a 1953. Ademais de nomealo secretario honorario vitalicio, o claustro promovería unha homenaxe a Varela Novo que se concretaría no ano 1955, e no que participaría un antigo alumno, Manuel Fraga Iribarne, por entón secretario xeral técnico do Ministerio de Educación. Na fotografía que rememora o acto, don Antonio aparecía co homenaxeado, co antigo alumno, e con varios dos seus colegas do Instituto.

Homenaxe a Jesús Varela Novo, 1955

Homenaxe a Jesús Varela Novo, 1955

Polo que respecta ao propio currículo do noso biografiado, en 1956 o claustro lucense felicitábao polo seu ingreso na Real Academia Galega15, un posto co que se recoñecía a súa valía intelectual e a súa identificación con Galicia. Fraguas volvería a responsabilizarse do discurso inaugural do curso 1957-5816 cunha conferencia na que conmemoraba, como en 1951, outro centenario, neste caso o da morte do emperador Carlos V, adiantándose ao interese que por estas celebracións aparecería no último cuarto do século XX por toda España.

No Instituto lucense, e logo tamén no centro compostelán, viviu Fraguas os avatares da implantación de nova lei educativa do ministro Ruiz Giménez, a chamada Ley de Ordenación de la Enseñanza Media de febreiro de 1953, un regulamento que recollía un certo espírito aperturista en sintonía coas primeiras relacións internacionais do Estado franquista. Tratábase de reformar os plans de estudo existentes e de implantar novos institutos onde fose necesario, promovendo a súa expansión polo país e abrindo, aínda que timidamente, novas oportunidades educativas á poboación española. Isto non implicaba abandonar o dogmatismo relixioso, xa que no mesmo ano da lei de ensinanza asinábase o Concordato co Vaticano (algo que, por outra parte, non debía preocupar demasiado a un convencido católico como era Fraguas), nin tampouco rexeitar os principios ideolóxicos fundamentais do Movimiento Nacional. Polo tanto, o novo regulamento mantería a separación de sexos e impoñería un modelo de bacharelato moi selectivo, cunha proba de ingreso aos dez anos que permitía o acceso aos institutos nos que se impartiría un bacharelato elemental de catro anos, cunha proba de reválida ao seu remate, e un bacharelato superior de dous, para acceder ao cal era necesario superar o elemental e a proba de reválida. O superior, cunha orientación científica ou humanística, remataba así mesmo noutra reválida que, aprobada, permitía obter o título de bacharel. Nos centros impartíase tamén un curso Preuniversitario que substituía ao exame de Estado de 1938 e que facilitaba o acceso aos estudos universitarios.

Desde o punto de vista social e cultural, tal vez o labor de maior proxección que don Antonio desenvolveu en Lugo desde o Instituto Masculino foi a súa importante colaboración nos I e II Cursos Universitarios de Primavera celebrados en 1958 e 1959, unhas actividades que durante unha década marcarían a vida cultural da cidade e a relacionarían co contorno universitario17. O seu compromiso con este proxecto foi inmediato xa que acompañou a San­tiago, o 18 de xaneiro de 1958, ao gobernador Enrique Otero Aenlle, o prin­ci­pal promotor do evento, ao alcalde Luis Ameijide Aguiar, e ao presidente do Cole­xio de Farmacéuticos Ramiro Rueda Fernández, para entrevistarse co reitor Luis Legaz Lacambra, coa idea de preparar a organización daqueles cursos. De todos os membros do Curatorium ou comisión organizadora, o profesor Fraguas foi, sen dúbida, o elemento máis activo desde a súa condición de secretario, como o demostran as felicitacións recibidas por parte dos seus compañeiros de comisión e das autoridades políticas e académicas; de feito, sería o encargado de dar lectura ás respectivas memorias de clausura o 24 de maio de 1958 e o 21 de maio de 1959, eventos nos que se concretaban e resumían todas as actividades.

Programas do I e II Curso Universitario de Primavera

Programas do I e II Curso Universitario de Primavera

Antonio Fraguas sería despedido con moito sentimento polo claustro lucense na última sesión do curso 1958-5918, xa que conseguira traslado, a petición propia, para un instituto de Santiago, cidade pola que tiña unha especial predilección desde os seus tempos de estudante. Isto non quere dicir que o noso biografiado estivese en Lugo mal acomodado e a desgusto, pero resulta evidente que a cidade de Santiago, coa súa Universidade e coas institucións culturais que posuía, ofrecía un campo de acción máis amplo para as súas relacións e apetencias intelectuais. Aínda así, de Lugo sempre tivo don Antonio un bo recordo, xa que, segundo as súas propias verbas, significou o retorno á vida académica, á liberdade: Lugo para min significou o mesmo que para Frei Luís o de “Diciamos onte”: A liberdade. Foi a volta á miña vida académica, por eso nunca poderei esquecer Lugo19.

O docente “San Fraguas”

Como temos dito, o labor docente de Antonio Fraguas desenvolveuse principalmente en dous institutos, os hoxe coñecidos como Lucus Augusti e Rosalía de Castro. Case que todo o alumnado –masculino e feminino, como resultado das premisas non coeducativas do franquismo– que puido recibir as súas clases neses centros, garda moi boas lembranzas do profesor Fraguas. El mesmo recoñecía, nunha entrevista realizada en febreiro de 1997, que “as rapazas do Feminino queríanme moi ben, pero queríanme máis os rapaces do Instituto de Lugo20.

O Instituto Masculino á marcha de Fraguas

O Instituto Masculino á marcha de Fraguas

En todo caso, resulta unha evidencia que para os seus discípulos e discípulas foi un mestre de feliz memoria, un docente máis preocupado pola aprendizaxe e pola atención do alumno que pola súa cualificación, por outra parte case sempre benigna. Era, sobre todo, un home bo, tanto que chegaron a aplicarlle o apelativo de San Fraguas, moi en consonancia, por outra parte, co seu espírito profundamente relixioso.

Traslado de Fraguas ao Instituto Rosalía de Castro

Traslado de Fraguas ao Instituto Rosalía de Castro

Con estas impresións coincide María Xosé Enríquez Morales, que nun longo artigo incluído no volume colectivo dedicado ao profesor Fraguas con motivo do centenario do seu nacemento, comentaba moi atinadamente as súas cualidades docentes desde a privilexiada perspectiva dunha antiga alumna, logo profesora de Xeografía e Historia no mesmo centro que o mestre21.

Tamén poderían interpretarse as ideas docentes de Antonio Fraguas a partir desta declaración propia: “El verbo enseñar tiene un valor que con frecuencia no le otorgan los que a él hacen referencia. Enseñar es crear una afición hacia lo que se enseña y se aprende22, referencia que constitúe unha das poucas reflexións epistemolóxicas que coñecemos de Fraguas. Polo tanto, non se podía forzar a aprender, senón procurar que o alumno amosase afección por esa actividade, é dicir, tratábase de desenvolver nel o gusto polo saber. Desde tal punto de vista, unha útil estratexia era acercar ao alumno ó máis próximo –o contorno–23 para espertar o seu interese polo máis afastado, tanto no tempo como no espazo; esa estratexia o converteu no defensor de numerosas actividades extraescolares das que existen algunhas referencias gráficas.

Tiña nas súas clases, desde logo, un particular interese pola Xeografía física no sentido máis amplo do termo: astronomía, hidrografía, climatoloxía, morfoloxía… Ademais, amosaba un singular proveito na utilización das fontes, na elaboración de mapas e no comentario de debuxos, fotografías e acontecementos, prestando unha atención especial ás manifestacións culturais de cada época.

Fraguas no Instituto Masculino

Fraguas no Instituto Masculino

Para outro dos seus alumnos e logo colaborador en diversas institucións, Xosé Manuel González Reboredo24, Fraguas era sobre todo un narrador, un contador de “historias” e unha persoa caracterizada pola súa bonhomie, pero tamén un docente que axudaba ao alumno a converterse en protagonista das clases. Desde o punto de vista dun etnólogo como González Reboredo, Fraguas foi un “etnógrafo puro”, que se mantivo na dimensión de narrador e relator máis que na de teórico, e que desenvolveu o seu labor neste campo desde a Sección de Etnografía e Folclore do Seminario de Estudos Galegos e, logo, no Instituto Padre Sarmiento. Desde 1976, a creación do Museo do Pobo Galego permitiríalle continuar sen interrupción os seus traballos etnográficos e antropolóxicos, cuns contidos que se centran na denominada cultura espi­ritual, é dicir nas crenzas, festas e literatura oral, deixando aparte os aspectos sociolóxicos ou tecnolóxicos. As súas obras máis destacadas neste sentido foron La Galicia Insólita (1973), El traje gallego (1985), e Romarías e Santuarios (1988). En todo caso, as súas colaboracións foron abundantes e diversas, como rexistran os tomos de Galicia Eterna (1984) e os numerosos artigos elaborados para a Gran Enciclopedia Galega: antroido, boda, contos populares, demo

Para Xulián Parga –alumno de don Antonio no instituto lucense e o principal promotor da homenaxe que se lle dedicaría no ano 1989, ao que asistiron máis de 200 discípulos–, Fraguas foi un docente moi próximo ao alumno, circunstancia que o facía diferente á maioría dos outros profesores da súa época, case que todos moito máis distantes. Respondía no seu labor docente a esa idea sinalada por George Steiner de que no acto de educar existe tamén unha relación afectiva entre o profesor e o alumno, e a practicaba con frecuencia. Pero esa circunstancia non implicaba mingua algunha na consideración e respecto que merecía, xa que era evidente que na relación establecida entre docente e discente impoñíase a personalidade e capacidade profesional do primeiro.

Outro dos seus discípulos, o mestre e escritor Paco Martín, recorda con moito afecto en varios dos seus artigos ao entrañable profesor de historia que lle axudara a abrir os ollos nas aulas do instituto lucense. Salientaba neses escritos o “seu xeito espontáneo e popular de relatar”, habilidade que lle permitía manter a atención dos alumnos e estimular a súa imaxinación, falando, noutras referencias, do seu enorme saber e do amor que tiña á cidade de Santiago, e mesmo rememoraba a opinión que sobre Fraguas tiña outro eximio lucense, Ánxel Fole, quen o consideraba amigo e o definía como unha persoa de carácter simpático, ameno e cativador, en especial cando falaba das cousas de Galicia. Don Antonio correspondeu a este afecto coa súa colaboración no libro Os escritores lucenses arredor de Fole25 no que comenta a obra deste último e os seus referentes temáticos (os lobos, o mundo do misterio e a morte, a paisaxe montaraz…), a súa afección polo cine, o eloxio ao seu Cartafolio de Lugo, que considera un libro de historia contemporánea, e a convicción de que a obra do ilustre lucense enriqueceríase co tempo ao atopárselle novos valores. Naturalmente, Fraguas non esquece a relación persoal entre ambos, iniciada en Santiago e asegurada durante a estancia lucense.

Outros discípulos lucenses recordan aínda hoxe a amenidade das súas clases (Ángel Lence), a súa proximidade ao alumno e o sentido práctico e directo que tiña do ensino (Jesús Cao), o seu carácter afable, tranquilo e bondadoso (Enrique de Arce), a súa empatía, proximidade e humanidade (Antonio Feás), a súa sabedoría, amenidade e congruencia (Emilio Valiño), ou a súa bondade, humildade e amor por Galicia (Victor Vázquez Portomeñe).

Podemos deducir de todos estes esbozos e opinións dos seus alumnos que Antonio Fraguas foi un home admirable e un excelente docente. De feito, era un profesor vocacional que, aínda que complementou a actividade académica cun volume moi considerable de publicacións, non se preocupou demasiado por aportar reflexións epistemolóxicas sobre as disciplinas que impartía; máis ben prefería recompoñer as materias que ensinaba a través de pequenas his­torias, de ditos e costumes, moi en relación co sentimento tradicional dunha Galicia da que sempre foi un orgulloso promotor. En todo caso, é evidente que procuraba inculcar aos alumnos e alumnas o amor pola súa terra, recorrendo a miúdo aos contidos antropolóxicos aos que era tan afeccionado.

Máis aló do Instituto: o Círculo das Artes

A condición de Antonio Fraguas como gran comunicador e como intelectual sería recoñecida en Lugo practicamente desde a súa chegada á cidade, por iso outras entidades e institucións procurarían a súa colaboración en diversas ocasións.

Así sucedeu coa institución social senlleira da cidade, o Círculo das Artes, que lle ofreceu os seus salóns para impartir unha conferencia o día 6 de abril de 195126 sobre un tema que resumía ben a personalidade do biografiado: Estudios y estudiantes de antaño. Nesta conferencia, salpicada con axeitadas anécdotas, utilizaría como referencia os seus coñecementos composteláns, aludindo moi graficamente a que o Pórtico das Praterías era toda unha lección de Historia Sagrada; falou tamén do nacemento e sentido das universidades inglesas, francesas e españolas, mantendo coa súa amenidade, segundo o cronista de prensa27, a atención dos asistentes que o recompensaron ao remate da disertación con fortes aplausos.

O Círculo das Artes de Lugo

O Círculo das Artes de Lugo

Na mesma Sociedade lucense interviría como conferenciante no Primeiro Certame Literario que se organizou polo Corpus de 195128; ademais, impartiría outra conferencia o 11 de febreiro de 1953 e, poucos meses despois, o pregón da Semana Santa, intervención que logo comentaremos a través das referencias periodísticas.

Volvería a pronunciar outro pregón no Círculo das Artes, neste caso o do Nadal no ano 1957, xunto ao cóengo Juan Antonio Moreno Fuentes29, sobre o tema desa festividade, ao que non era nada alleo e que trataría en artigos publicados en 1947, 1955 e 198730. Pese a estas repetidas colaboracións, non nos consta que Antonio Fraguas se fixese socio do Círculo das Artes, unha sociedade que era o escaparate artístico e cultural da cidade e da que eran socios a maioría dos seus colegas do Instituto. Isto parece ratificar a idea de que o recoñecido profesor consideraba que a súa estancia na capital lucense, aínda que plácida e agradecida, no debía conside­rarse definitiva, xa que el sem­pre tivo un pé en Lugo e outro en Santiago.

Sen embargo, queremos crer que foi Fraguas quen impulsou en 1979 a petición, por parte do Museo do Pobo Galego, do magnífico salón de actos da institución que el coñecía ben, para celebrar entre o 10 e o 20 de febreiro dese ano unha exposición de fotografías, debuxos e maque­tas sobre a típica embarcación de pesca coñecida co nome de Dorna31, que o Museo –do que don Antonio era principalísimo impulsor– pretendía recuperar como unha parte importante da cultura mariñeira galega.

Fotografía de Fraguas no Círculo das Artes

Fotografía de Fraguas no Círculo das Artes

Máis aló do Instituto: El Progreso

O diario El Progreso, o único que se publicaba neses anos do centro do século na cidade de Lugo, tamén contaría coa súa colaboración en numerosas ocasións. Xa en decembro de 195132 incluía unha delas co título Al margen de un Centenario, na que comentaba a tese de doutoramento do americanista, e colega de profesión, Emiliano Jos Huesca, La expedición de Ursúa al Dorado y la rebelión de Lope de Aguirre, e outro dos seus libros sobre os periplos colombinos, El libro del primer viaje. Algunas ediciones recientes, circunstancia que aproveitaba para dar a súa opinión sobre a orixe do almirante Cristóbal Colón que, segundo Fraguas, era orixinario de Xénova e non pontevedrés, como afirmaban algúns; no seu caso era evidente que o chauvinismo non chegaba a facerlle considerar como paisano ao grande navegante. Por outra parte, a redacción final do comentario permite coñecer os profundos coñece­mentos bibliográficos que tiña Fraguas sobre moitos temas e sobre este en particular.

No mesmo diario continuarían as colaboracións e mesmo as referencias a Fraguas nos anos seguintes. Así, nunha redacción sobre publicacións, recordábase a súa colaboración no fascículo XX de Cuadernos de Estudios Gallegos33, concretamente en referencia ao seu traballo Farsas de Carnaval en Touro (Coruña), no que describía os costumes do Antroido desa comarca, deténdose particularmente nos de casamento e de matanza do porco. En xuño do mesmo ano34, o diario lucense publicaba o seu adornado comentario El galeón amigo, no que aludía ao traballo Os Galeŏes do Rei que se perrderam… de Joâo de Castro Nunes, filólogo, prehistoriador e poeta, ademais de lector de portugués na Universidade de Santiago durante sete anos.

No ano seguinte, 1953, as alusións a Fraguas son aínda máis numerosas. En xaneiro35 ofrecía unha colaboración sobre Froilán Troche y Zúñiga e o seu libro de 1837, El cazador gallego con escopeta y perro, reeditado por Biblió­filos Gallegos en 1952, apro­veitando para relatar unha das súas amenas anécdotas ocorrida nunha desas viaxes de Lugo a Santiago que lle eran habi­tuais; ademais, dedica atención ás armas, a cans, perdices e outros animais, eloxiando os co­mentarios sobre estes temas do autor. Non moitos días despois, o diario dedi­cáballe atención –mesmo gráfica, cun retrato seu– á confe­rencia que Fra­guas impartiría o 11 de febreiro no Círculo das Artes, nun ciclo organi­zado pola Delegación de Educación sobre Galicia en las raíces de España o breves nociones sobre la prehistoria gallega; apro­vei­taba o perio­dista para facer unha laudatoria presentación do orador, catedrático, cola­borador do CSIC, membro do Instituto Padre Sarmiento e académico da RAG, ademais de distinguido publicista, colaborador do diario lucense e “una auténtica personalidad en el campo de la investigación histórica”. Ao día seguinte, dábase conta do éxito da conferencia36, recordando que á mes­ma asistira o alcalde, o representante do bispo e outros persoeiros da cidade acompañados dos directores de todos os centros educativos da capital, o que da idea da popularidade de que gozaba Antonio Fraguas en Lugo pouco tempo despois da súa chegada. Como unha puntualización interesante da disertación poderiamos indicar que Fraguas aludía á sucesión de 20.000 xeracións anteriores ao home actual, o que demostra que non descoñecía a antigüidade do poboamento peninsular. O comentarista destacaba a gran provisión de datos de que fixera gala o conferenciante, a súa erudición e o abundante anecdotario co que amenizou a charla, que foi recompensada con xenerosos aplausos polos numerosos asistentes.

Fotografía de Fraguas no diario El Progreso (1953)

Fotografía de Fraguas no diario El Progreso (1953)

Tamén recollía o periódico o Pregón de Semana Santa, xa comentado, que pro­nunciou no ano de 195337, acti­vidade moi en consonancia coa súa profunda fe relixio­sa; e o profesor non rema­taría o curso sen aportar outra colaboración, neste caso cun escrito no que facía referencia a Benito Menacho38, un mecenas exiliado en México que pouco antes doara a súa importante biblioteca persoal á provincial de Lugo. No artigo, titulado En el aniversario de Menacho39, facía alusión á importancia da doazón (6.824 volumes), comparando a Menacho con outros mecenas galegos e cua­lificándoo como meticuloso lector. No aniversario da morte do xeneroso benfeitor, producida a piques de se inaugurar a sala especial que lle dedicaría a biblioteca lu­cense, o profesor galego non dubidaba en render homenaxe a outro gran lector coma el.

No ano 1954 o diario recollía unha referencia ao seu artigo Apuntes sobre mámoas lucenses, aparecido no fascículo XXIV de Cuadernos de Estudios Gallegos40, e no mes de maio41 insería a súa colaboración sobre El Botafumeiro de la Catedral de Santiago, un artefacto ao que lle atribuía a dobre condición de instrumento de culto e de purificador ambiental; aludía á súa primeira mención no Códice Calixtino no século XIV (sic) e afirmaba que o que existía naqueles momentos tiña xa 103 anos de antigüidade e o fixera en prata o artista Losada; comentaba, así mesmo, o impresionante sistema de funcionamento do artefacto que lle permitía acadar un desprazamento de 80 metros, e non falta, como no autor era costume, a referencia a axustadas anécdotas.

Neste ano sería menos xeneroso nas súas colaboracións co periódico local. Aínda así é posible descubrir algunha como a que aparece no mes de outono co título Historia de una reliquia42. Neste caso céntrase no achado, no arquivo de Simancas, polo catedrático ourensán Alfonso Vázquez Martínez43, dun documento que facía referencia á reliquia dun brazo de Santiago Apóstolo, o que lle serve ao descubridor para facer un documentado estudo da mesma, para rematar co sentimento pola súa perda.

No ano 1956 repetiríanse os escritos e referencias no diario lucense. A noticia, no mes de febreiro44, era o comentario da conferencia que impartira no Circulo Recreativo Cultural de Chantada, o que deixa ver que a súa actividade non se limitaba ao contorno da chamada Cidade do Sacramento, e chegaba a outros puntos da provincia. Un público moi atento á brillante exposición escoitou unha charla sobre La Prehistoria de Galicia, na que recollía na primeira parte o concepto orteguián de “homo incipiens”, remontán­dose a 600.000 anos A.C., para logo centrarse no paleolítico e no neolítico galegos e, pasando pola idade dos metais, chegar aos tempos históricos, comparando as herdanzas celtas e romanas, todo elo amenizado coas lendas sempre habituais no expositor.

Os comentarios que o diario lucense ofrecía en abril45 sobre a festa do libro volvían converter a Fraguas en protagonista como o gran lector que era. Fraguas dera nesa conmemoración outra conferencia co título Un comentario a la vida y maestros, obra y amores de don Marcelino Menéndez y Pelayo, na que se centrou nunha biografía do erudito personaxe cando se cumprían cen anos do seu nacemento, destacando entre os seus mestres a Francisco Ganuza, Milá i Fontanals e Gumersindo Laverde Ruiz46; recoñecía a oposición ideolóxica do santanderino fronte aos krausistas, mais non pasaba por alto os éxitos académicos do personaxe nin o seu convencido catolicismo. O periodista que redactaba a noticia non esquecía tampouco destacar a categoría persoal e intelectual de Fraguas, a quen cualifica de “Costal de bondad y simpatía…”. Por certo, esa disertación estivo presidida polo inspector Luciano Fernández Penedo (a quen máis tarde prologaría un libro sobre o Instituto de Lugo), polos directores dos centros educativos lucenses e polo mesmo delegado de Educación.

Particular atención dedícaselle ao noso biografiado nun número deste xornal de primeiros de xuño47, no que se dá conta de ter recibido un premio no transcurso dun solemne acto literario celebrado no Círculo das Artes lucense. O galardón éralle concedido como autor do mellor artigo periodístico dun concurso literario, e incluía unha medalla doada polo Concello. O mesmo exemplar do diario reproducía o artigo de don Antonio titulado Lugo, ciudad eucarística en la ruta turística de España, traballo polo que obtivera ese primeiro premio no VI Certame Literario convocado pola Delegación de Información e Turismo. Tratábase dun artigo que fora publicado no diario La Noche de Santiago o 8 de maio anterior, e o contido non deixa de ser un atinado eloxio a Lugo e unha homenaxe á cidade que o acollera, e que ao seu parecer ben merecía unha visita, o mesmo que os seus contornos de Santa Eulalia de Bóveda e o pobo medieval de Portomarín, por entón próximo a desa­parecer baixo as augas. Recomendaba o paseo pola muralla e a con­tem­plación dunha posta de sol desde o miradoiro do parque, onde podía admirarse tamén a campiña que percorría o río Miño. Comentaba que a histórica urbe lucense posuía monumentos de extraordinario valor: os pazos urbanos e o episcopal, unha catedral á que dedicaba unha particular atención, o recentemente inaugurado Museo provincial, as igrexas de San Domingos e San Francisco, para rematar, como correspondía co bo católico que era, coa declarada devo­ción ao Señor Sacramentado e a Virxe dos Ollos Grandes, sen esquecer os valores gastronómicos da cidade romana. Este activo ano concluía cun artigo de Fraguas48 comentando a aparición do primeiro número da revista Compostellanum49, as seccións que contiña e os primeiros estudos que publicaba.

Rematando o ano 195750, o diario recollería outra intervención do profesor Fraguas. Neste caso tratábase dun acto organizado pola Asociación de Belenistas no Nadal e que se celebrara no salón rexio do Círculo das Artes, un acto ao que xa aludimos liñas atrás. Foi un destacado evento presidido polas principais autoridades da provincia e, ante unha gran concorrencia, encargouse don Antonio de abrir a sesión pronunciando o pregón de Nadal; comentou a influencia do tema nos antigos cancioneiros, facendo gala da súa gran erudición e intercalando fragmentos de composicións poéticas, particularmente panxoliñas, algunhas delas en galego. Tratou logo, brevemente, o tema do nacemento de Xesús Cristo na arte e detívose nalgunhas figuras do Belén como a mula ou o boi. No acto, Fraguas estivo acompañado por dous clérigos, o cóengo Juan Antonio Moreno Fuentes e o beneficiado Xosé Ferro Martínez, amosando, unha vez máis, as boas relacións que tiña o noso biografiado cos membros da Igrexa católica e coas súas actividades.

No ano 1958 a tarefa de Fraguas centrouse no I Curso Universitario de Primavera, un acontecemento que o diario lucense recollería con pormenor desde o 1 de abril en que se comentaba a súa convocatoria e o prestixioso equipo de conferenciantes que intervirían, ata o 28 de maio nun artigo dedicado á súa clausura. Nesta tarefa Fraguas non ocuparía a tribuna, o seu labor foi na retagarda, como organizador dos actos e como garantía dun acontecemento que marcou a vida cultural lucense dese tempo.

Nos seus últimos anos en Lugo, Fraguas volvería a colaborar co perió­dico, dun xeito particular en agosto de 195851 cando o xornal celebraba cun número especial as súas vodas de ouro. Nun exem­plar no que participaban un grande número de intelectuais, Fraguas aparecía cubrindo unha páxina enteira –a súa máis ampla colaboración co diario– na que se ocupaba da sección de 50 anos de poesía lucense, recordando a Luis Pimentel, a Antonio Noriega Varela e a José Crecente Vega, e permitíndose logo un exercicio lite­rario moi emocional e estético no que menciona de pasada a outros sobran­cei­ros escritores como Evaristo Correa Calde­rón, Manuel María, Francisco Leal Insua, Manuel Leiras Pulpeiro, Avelino Gómez Ledo, Aquilino Iglesia Alvariño ou José Díaz Jácome, sen esquecer á poetisa ribadense Luz Pozo Garza, nin ao mindoniense Álvaro Cunqueiro Mora, nin ao poeta do Caurel Uxío Novoneyra. Hai que dicir que esta relación non é exhaustiva, outros nomes aparecen nos comentarios de Fraguas, o que da a entender, unha vez máis, o dominio literario do noso personaxe, que abarcaba todos os ámbitos e que se interesaba por todas as aportacións. Na páxina do xornal inclúese un esbozo de Fraguas no que se presenta ao autor da reportaxe e se recorda o seu impresionante currículo, as súas múltiples publicacións e en particular aquelas que facían referencia a Lugo ou aos lucenses.

El Progreso, como fixeran os seus compañeiros do Instituto, despediría a Fraguas anunciando nun número de xuño de 195952 o seu traslado ao Instituto Feminino de Santiago. No comentario felicitaban ao prestixioso profesor por ver realizadas as súas aspiracións de residir nesa cidade á que o unían estreitos vínculos familiares, pero tamén lamentaban a súa ausencia de Lugo, onde deixaba moitos amigos. Durante a súa estancia de case que unha década prestara destacados servizos á vida cultural lucense, non só a través da súa actividade académica senón tamén en actos intelectuais dos que a última mostra foi o seu meritorio labor desde a secretaría do Curatorium do II Curso Universitario de Pri­mavera rematado o mes ante­rior. A despedida concluía de­clarándoo un dos seus bos amigos e incluíndoo entre os seus máis destacados colabo­ra­­dores.

 

Fraguas participa como secretario no II Curso Universitario de Primavera

Fraguas participa como secretario no II Curso Universitario de Primavera

Anos despois, cando xa estaba de catedrático en Santiago, e con motivo da inauguración dunha nova rotativa do periódico lucense, Fraguas enviaría unha emo­cionada colaboración na que recordaba os seus anos lu­censes e que sería repro­du­cida polo diario con motivo do seu pasamento en 199953. Titulábaa Recuerdos de la ciudad de Lugo, e nela efecti­vamente rememora os har­mó­nicos paseos pola cidade e os seus arredores. Concreta os seus recordos con alusións á igrexa de Saamasas e de Meilán, ao patrón San Froilán, a Santa Eulalia de Bóveda… Non esquece os paseos arqueolóxicos polas inmediacións da cidade e o sentido e servizo docente que podían aportar, para inserir logo as impresións que dela deixaron ilustres visitantes de diversas épocas: a descrición de Ambrosio de Morales no século XVI e a preocupación deste humanista pola preservación do patrimonio documental lucense; a doutro viaxeiro ilustre, Walter Starkie, que visitou Lugo na primeira metade do século XX e paseou polas súas murallas. Logo, alude a George (por erro o chama Thomas, o no­me do seu pai) Borrow e a súa impresión sobre unha poboación que se asomaba ao segundo terzo do século XIX e quen, segundo Fraguas, foi incapaz de comprender a cidade. Inclúe unha poética versión do licenciado Molina en torno a 1550, e de Diego Antonio Cernadas de Castro, o cura de Fruíme, no século XVIII, e remata coa descrición que o cóengo Paolo Bacci deixou –na súa peregrinación a Santiago en 1764­– dos pendentes das mulleres lucenses, e a do xeneral inglés sir Hew Whiteford Dalrymple que chegou á cidade en 1774 e que a cualificou de grande e antiga, aínda que despoboada e fría. Sen seguir unha estrita orde cronolóxica ao falar dos visitantes, non cabe dúbida de que Fraguas non só coñecía Lugo senón tamén o que sobre ela escribiran os viaxeiros que a visitaron noutras épocas, e iso di moito sobre o seu afecto pola cidade e o vencello que mantiña con ela.

Homenaxe do diario El Progreso a Fraguas co motivo do seu pasamento

Homenaxe do diario El Progreso a Fraguas co motivo do seu pasamento

Máis aló do Instituto: Vida Gallega

A outra publicación lucense coa que Fraguas colaborou asiduamente foi Vida Gallega, a revista mensual ilustrada fundada en Vigo por Jaime Solá Mestre en 1909, e que desaparecería en 1938 para renacer en 195454 da man de Xosé Iglesias Presa, quen a trasladou a Lugo en 1956 onde perduraría ata 1963. Esta publicación gráfica de contido moi diverso e na que colaboraron outros escritores como Xosé Trapero Pardo, Narciso Peinado Gómez, Álvaro Cunqueiro Mora ou Ánxel Fole Sánchez, contou coa repetida colaboración de don Antonio en moitos dos números da segunda época, con aportacións de carácter xeográfico, etnográfico, antropolóxico ou artístico nas que amosaba a multiplicidade dos seus temas de interese. De feito, os rexistros bibliográficos55 amosan ata 46 colaboracións publicadas entre 1955 e 1961, o que o convirte nunha da súas plumas máis habituais. Non parece oportuno referirnos aquí a todas estas colaboracións, polo que faremos unha selección daquelas que nos parecen máis directamente relacionadas con asuntos lucenses seguindo unha estrita orde cronolóxica.

O primeiro estudo56 que publica Fraguas é de temática xeo-etnográfica, co título de El nacimiento del Miño y sus leyendas, asunto que lle serve para facer un eloxio do río como a corrente fluvial por excelencia dos galegos; aínda que alude ao seu nacemento en Fontemiña, ­e precisamente neste berce sitúa a primeira lenda, tamén recoñece outra posible orixe no Pedregal de Irimia, lugar onde sitúa a segunda narración lendaria.

No ano 195757 sairía outro artigo referido á cidade en que ensinaba, e que ía ilustrado con imaxes do fotógrafo Valentín Roldán, asiduo colaborador noutros artigos seus da mesma revista; neste caso o titulaba Fiesta Real en Lugo, e nel recordaba, acudindo a documentos da época que recolle en grandes parágrafos textuais, como se recibiu na urbe a noticia da coroación de Felipe V no ano 1700.

O ano 1958 sería o máis fértil en colaboracións coa revista. O primeiro sería un artigo de contido eminentemente etnográfico: El traje tradicional en la artesanía gallega58, no que complementa a descrición da vestimenta con letras de cancións populares; inclúe a definición de vestido clásico de galega que fixera Emilia Pardo Bazán, ao parecer unha autoridade no tema; fala tamén da indumentaria masculina, rematando cos complementos inevitables de monteiras, calzóns, mantelos…

O segundo traballo que comentamos para este ano59 ten un título que recolle dúas das principais vocacións do autor: El libro y la enseñanza; aquí fai Fraguas aquela declaración epistemolóxica que tratou de respectar toda a súa vida: “Enseñar es crear una afición hacia lo que se enseña y se aprende”. Analizaba a posición ante o libro, ben de amor ou de desprezo, aderezadas a súas reflexións con cálidos recordos persoais que se iniciaban co do seu primeiro Silabario, para rematar defendendo o gran valor e respecto que merecía o libro xa que sempre proporcionaba algunha ensinanza.

Noutro número do mesmo ano volvía a referencias xeográficas na colaboración que titulaba De Lugo a Vigo por Lalín60; o percorrido pola Galicia central sérvelle para ir analizando as distintas paisaxes, partindo da porta de Santiago da muralla lucense, pasando pola ponte romana e subindo ao Picato, descendendo a Guntín –localidade na que recorda a súa riqueza férrea– e atravesando localidades como Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Lalín –vila na que destaca aos seus ilustres matemáticos– e, prestando sempre atención á natureza, aos monumentos e ás persoas, chega a Pontevedra, atravesa Aguasantas, Castro Caldelas e Arcade e remata este periplo en Vigo. Todo isto nos axuda a lembrar a filiación que ten o sentido xeográfico de Fraguas, moi ligado co ensino desta materia que recibira do seu amigo e mestre Otero Pedrayo.

Unha máis particular referencia lucense ofrécea noutro número da revista, no que elixe como tema o monumento lucense por excelencia: La ronda por la Muralla61. Destaca o valor emotivo do circuíto romano, o seu sentido defensivo e protector e os cambios que sufriu a través do tempo. Fraguas recomenda ascender ao monumento pola cambra existente fronte á catedral, e preferiblemente ao amencer para poder apreciar as luces e cores visibles desde tal atalaia. Desde o baluarte aprecia Fraguas os ámbitos interiores e exteriores da cidade, rememorando os depósitos de xeo de Montirón ou a zona do Agro do Rolo, símbolo do crecemento da urbe; tamén o camiño de Santiago, a moderna avenida de Ramón Ferreiro, o barrio de Recatelo ou o Parque, amosando en todo momento o coñecemento que tiña da cidade na que neses momentos vivía e traballaba.

Outra mostra máis do seu interese por Lugo aparece no artigo que publica nun exemplar da revista de outono de 1959, meses despois da súa marcha. Titulábao, con gran expresividade, Sobre el recuerdo lucense, e nel Fraguas volvía aos seus primeiros paseos e experiencias por Lugo, amosándose gañado polo seu conxunto monumental e as súas xentes; fai especiais referencias ás aves que se recordaban na toponimia da cidade, aludindo ao barrio do Paxaro e ao referente arqueolóxico que do mesmo se conservaba no Museo provincial, á rúa Falcón, ao carril dos Paxariños e á veciña fonte xa desaparecida; pero do que se trata nestas liñas, entendemos, é de ofrecer unha nostálxica despedida da cidade que o acollera durante nove anos.

Ademais das súas repetidas alusións á capital, Antonio Fraguas non deixaría de prestar atención ao resto da provincia, como demostra o seu traballo El litoral lucense62, no que percorre co seu estilo habitual a Mariña setentrional, sen esquecer aproximarse ás principais vilas da zona, como Ribadeo –con referencias a súa interesante biblioteca e ao publicista Gamallo Fierros–, Rinlo, Foz, Burela –co recordo ao impulso industrial que pretendera dar ao contorno Antonio Raimundo Ibáñez– e Viveiro –co recordo comprensible a Pastor Díaz–, recomendando finalizar o percorrido cun paseo nocturno pola vila do Landro.

Outras referencias, máis ou menos directas ás paisaxes lucenses e ás súas xentes, aparecen noutros números con contidos que non imos a pormenorizar aquí, como os titulados El sermón de Duarría (VG nº 721, 1957, p. 18), Posibilidades del paisaje gallego (VG, nº 730, 1958, pp. 20-21), ou Paisaje de valle y de ribera (VG, nº 745, 1959, pp. 16-17).

Máis aló do Instituto: Outras relacións

Desde outro punto de vista, durante a súa estadía lucense, Antonio Fraguas, sempre interesado polos libros e a cultura, converteríase nun activo colaborador de institucións lucenses como o Museo e a Biblioteca provinciais, coas que mantivo cordiais relacións63. Sabemos que no ano 1958 formaba parte como vogal da Xunta Reitora do Museo Provincial64, e que no seu Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, publicou tres dos seus traballos deses anos sobre os que logo insistiremos: Pastor Díaz en el Colegio Fonseca (tomo IV, 1950, pp. 69-72), evidente secuela dos seus estudos de doutoramento, Una impresión del viaje de los Reyes Católicos a Galicia (tomo V, 1953, pp. 3-10), dedicado a rememorar aos que consideraba “los monarcas más gloriosos que ha tenido España”, e Apuntes para la historia de la primera enseñanza en el valle de Quiroga (Lugo) (tomo VI, 1956, pp. 8-14), onde significa o seu interese pola docencia. No mesmo Boletín faría Fraguas algunhas desas recensións que o corroboraban como aproveitado lector: é o caso da Historia de la literatura gallega, de Benito Varela Jácome (tomo IV, p. 239); de Castroverde: bosquejo histórico geográfico de José María Gómez Vilavella (tomo IV, p. 239); Los petroglifos de Término y las insculturas rupestres de Galicia de Jesús Ferro Couselo (tomo V, pp. 127-128); La Bula “Apostolici Ministerii” en Santiago, de Manuel Troitiño Mariño (tomo V, pp.127-128); Reseña Estadística de la provincia de Lugo (tomo V, 320-321), de Jesús García Siso; Los Escudos de Sarria (tomo V, p. 321), de Francisco Vázquez Saco; Apuntes gráficos sobre Heráldica Gallega (tomo VI, pp. 41-44), de José Espinosa Rodríguez; Inscripciones romanas de Galicia II, provincia de Lugo (tomo VI, pp. 41-44), de Francisco Vázquez Saco e Manuel Vázquez Seijas; Semblanzas de juristas Gallegos que no deben permanecer en el olvido (tomo VI, p. 201), de Manuel Taboada Roca; Crónica de Santa María de Iria (códice gallego del siglo XV) (tomo VI, pp. 202-203), de Jesús Carro García; Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores (tomo VI, p. 203), de Antonio Couceiro Freijomil, e La Revista “Compostellanum” (tomo VI, pp. 203-204). Como pode verse, son análises bibliográficos de moi dispar contido, que van dos asuntos literarios e etnográficos aos arqueolóxicos, relixiosos, heráldicos ou mesmo estatísticos.

Fraguas no Museo provincial de Lugo

Fraguas no Museo provincial de Lugo

Non esqueceu tampouco Fraguas a súa condición de estrito investigador en arquivos durante a activa etapa lucense, xa que polo que parece tiña tempo para todo. Neses anos cincuenta visitaría o arquivo do Concello de Lugo, onde localizou unha documentación inédita na que se facían dúas representacións ao Consello de Castela elevadas por dous deputados lucenses en 1789 e 1798 coa fin de poder abrir novas feiras e mercados en Galicia, información da que se deducía o grande número destes centros de intercambio existentes, e que logo lle serviría para publicar un documentado artigo sobre o Emplazamiento de ferias en Galicia a fines del siglo XVIII, publicado en 1968 nos Cuadernos de Estudios Galegos65. Segundo o profesor Eiras Roel66, o seu herdeiro como cronista oficial de Galicia, é precisamente a etapa lucense a de maior actividade investigadora, con certas incursións nos arquivos de protocolos notariais que logo lle servirían para as súas interpretacións sobre as relacións das familias galegas. No mesmo ano e publicación sairía o traballo de Antonio Fraguas sobre o breve –de xaneiro a xuño de 1809– paso dos franceses por Lugo na Guerra da Independencia67, no que comentaba as preparacións dos lucenses cara o enfrontamento e as ocupacións, roubos e violencias dos invasores, tanto na capital como nalgunhas localidades da provincia, utilizando como base fundamental da investigación precisamente a aportada polos protocolos notariais. Sería a mesma fonte que utilizaría un ano despois no artigo Notas de artistas en tierras lucenses68.

Segundo Clodio González Pérez69, o arquivo do Concello non foi o único visitado, senón que completou o seu labor investigador co da Catedral e o provincial, nos que mantiña boas relacións cos seus responsables. O mesmo biógrafo asegura que participou na vida social lucense acudindo ao faladoiro da cafetería do Hotel Méndez Núñez, ao que asistían profesores e eruditos locais, e que mantivo cordiais relacións de amizade con algúns deles como Francisco Vázquez Saco e Manuel Vázquez Seijas, ademais das que compartiu cos poetas Luis Pimentel –que morrería en 1958 cando aínda Fraguas estaba na cidade– e cun mozo Manuel María. Case que todos eles estarían dalgún modo reflectidos nas súas publicacións deses anos ou dos posteriores.

Lugo na memoria de don Antonio

Na súa estadía compostelá, permanente desde o verán de 1959 ata a súa morte, Fraguas non esqueceu nin a Lugo nin ás súas xentes70. De feito, o seu traballo máis cumprido sobre a cidade, que sen dúbida preparou durante a estancia nela, non se publicaría ata 1974. Referímonos á monografía que titulou con sinxeleza Lugo, e que debe entenderse como unha homenaxe persoal do autor á cidade que o acollera durante unha década71. Esta obra iníciase cun pórtico xeográfico no que destaca a importancia do río Miño, para logo iniciar un percorrido histórico que se conforma en función da análise dos principais monumentos que se conservan do pasado da urbe: as murallas romanas, as termas, a catedral, o pazo episcopal, a praza maior, as fon­tes, as igrexas conventuais, o museo, o deci­monónico pazo da Deputa­ción ou os pazos urbanos; ao final, concede unha breve atención ás principais feiras e festas, aos centros docentes e ao parque principal da cidade.

Libro de Fraguas sobre Lugo, 1974

Libro de Fraguas sobre Lugo, 1974

Por outra parte, os te­mas da xeografía e a historia lucense seguíronlle interesan­do, e en anos posteriores publi­ca­ría, a maioría deles en Cuader­nos de Estudios Gallegos, diver­sos artigos sobre eses temas, dos que xa temos comentado algúns deles e que agora poderiamos complementar cos de Restos dolménicos próximos a la ciudad de Lugo (en Homenaje al profesor Cayetano de Mergelina, Murcia, 1961), Castros de la comarca lucense (CEG, tomo XVII, Santiago, 1962), e Derechos de paso por el puente de Rábade (CEG, tomo XXV, Santiago, 1970). O traballo, a modo de catálogo, sobre unha ducia de castros da periferia lucense resulta particularmente interesante, xa que no mesmo –elaborado pouco despois da súa marcha de Lugo– utilizou informes dos seus propios alumnos e incluíu bosquexos e debuxos que permiten caracterizalo como un auténtico traballo de campo.

 Así mesmo, na revista Grial comentaría o libro de Jesús Rodríguez López, Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares72, de temática moi en consonancia coas súas apetencias intelectuais e no que, ademais de valorar os contidos do libro, fai unha laudatoria mención ás aportacións do krausismo, ideoloxía coa que en moitos aspectos se sentía identificado, para rematar coa mención as sucesivas edicións que merecera a obra. Tres anos despois, insistindo en boa parte na temática, o propio Fraguas publicaría o seu libro La Galicia insólita: tradiciones gallegas.

Como aproveitado docente que era, Fraguas tampouco esqueceu os tra­ballos dos seus compañeiros. En 1987 prologaría o libro de Luciano Fer­nández Penedo, Historia viva del Instituto de Lugo, que publicou a Deputación provincial e que debe considerarse como o primeiro achegamento importante á historia do centro73. Nese proemio recorda o papel das Sociedades Económicas na creación dos centros de ensinanza secundaria, e o das ideas ilustradas na defensa da instrución pública; logo, céntrase nos problemas educativos decimonónicos e na controversia entre un modelo reaccionario e outro europeísta, para rematar cunha alusión moi eloxiosa para o autor do libro, que fora un dos seus colegas no claustro lucense.

Tamén faría o prólogo do libro do médico Jesús Vázquez Gallego, un antigo alumno lucense, Tradiciones, mitos, creencias y curanderismo en la medicina popular de Galicia74, un texto no que comenta a temporalidade da tradición oral, puntualiza mitos galegos e de distintos lugares do mundo, fala de lobishomes, bruxas e meigas, e de antídotos para as enfermidades, facendo sempre gala da súa enorme erudición nestes temas.

Anos despois, publicaba un artigo no suplemento semanal de O Correo Galego de 6 de novembro de 1994 no que facía referencia á edición dun libro de memorias de Lázaro Montero de la Puente75. Aproveita a ocasión para recordar algúns traballos do seu compañeiro catedrático de Literatura e cer­tos aspectos da súa biografía no difícil contorno cronolóxico da Guerra Civil. Os recordos de Fraguas fanlle rememorar a outros colegas docentes como Hilario Sanz, Ramón Otero Pedrayo, Primitivo Rodríguez Sanjurjo ou José Prado Mañobre, e mesmo a outros lucenses de relevo nos anos do ecuador do século, como o gobernador civil Enrique Otero Aenlle ou o director do diario El Progreso, Purificación de Cora. De todos eles fala con afecto e os considera como amigos, nunha demostración evidente do talante repousado e conciliador que tiña don Antonio.

Xa dixemos que Antonio Fraguas non esqueceu nin a Lugo nin ás súas xentes. Por se non fose suficiente coas numerosas publicacións que lles dedicou, quédanos por insistir nas que brindou a ilustres oriúndos de Lugo ou da súa provincia. É o caso da xa mencionada sobre Nicomedes Pastor Díaz, ou dos aínda non nomeados traballos sobre Ánxel Fole Sánchez (Fole nos cernes de Galicia en Os escritores lucenses arredor de Fole, Concello de Lugo, 1986, pp. 79-82; Anxel Fole, Outeiro nº 21, A Coruña, 1986, pp. 53-55), Aquilino Iglesia Alvariño: o poeta de Seivane, Outeiro nº 20. A Coruña, 1986, pp. 65-66)76, ou o póstumo dedicado ao que fora ilustre fundador e director do Museo provincial lucense (Manuel Vázquez Seijas, Boletín de la Real Academia Gallega nº 361, A Coruña, 2000, pp. 288-289), con quen, por certo, aparece nalgunha ilustración aquí recollida e traballo no que destacaba a súa obra Fortalezas de Lugo y su Provincia que sen dúbida coñecía ben77.

Cara a 1992 volvería a colaborar nunha das publicacións promovidas pola Institución provincial lucense, a titulada Pasado, presente y futuro del castaño, incluída no libro Especies Frondosas en la Repoblación de Galicia78. Nela Fraguas confesa o seu amor polas árbores, comenta a actividade cinexética que foi habitual en Galicia polo menos ata o século XIX, realiza unha pincelada histórica sobre a vida nos séculos medievais salpicando sempre a narración de múltiples anécdotas, e remata coa utilización económica do castiñeiro para madeira, carbón e estaleiros, recursos que se explotarían durante séculos e que suporían talas masivas de árbores, sen que algunhas repoboacións fosen suficientes para compensar as perdas.

No mesmo ano, e editado pola mesma Institución provincial, aparecería un breve prólogo de Antonio Fraguas para o libro de Xosé María Gómez Vilabella, Historias intra da bisbarra Baleira –Castroverde -Pol79, un autor ao que xa concedera atención case que corenta anos antes.

Así mesmo, na Colección de Autores de O Correo Galego80, publicaría unha recensión sobre a obra Y Luego, Lugo ¿qué? doutro antigo alumno, o periodista Daniel Hortas, libro prologado por Fernando Ónega e ilustrado por Conde Corbal. No comentario destacaba o amor á terra e ás súas xentes que encerraba a obra, aproveitaba para romper unha lanza a favor da lingua galega e logo pasaba a comentar o percorrido histórico-xeográfico que se fai no libro desde os tempos prehistóricos, a fundación da cidade, a importancia do Camiño de Santiago e dos lugares que atravesa, así como os peregrinos ilustres que o recorreron, sen deixar de inserir outros variados temas como a controversia entre o Sil e o Miño, a necesidade de restaurar o castelo de Pambre –que Fraguas considera o máis fermoso de Galicia– ou as calidades dos viños de Amandi. Remataba o itinerario coa chegada á cidade na que se recordan os seus puntos urbanos de referencia (a Muralla, a Catedral o Círculo das Artes…). O comentario de don Antonio, asinado o 28 de xaneiro de 1996, remataba co eloxio a esa guía que fixera o seu discípulo.

Para rematar esta relación sobre as inquedanzas lucenses do noso personaxe, convén recordar a súas aportacións no coñecido e popular Gaiteiro de Lugo do ano 1997-1998, unha sobre O Galo, e outra sobre A Santa Compaña, te­mas sobre os que realiza o exercicio etnográfico correspondente.

Comisión de exalumnos organizadores da homenaxe a Fraguas en Lugo

Comisión de exalumnos organizadores da homenaxe a Fraguas en Lugo

O 7 de outono de 1989, é dicir, trinta anos despois da súa marcha, Lugo correspondería a esas mostras de afecto de don Antonio cunha homenaxe ofrecida polos seus antigos alumnos do Instituto Masculino, dos que sempre gardou magnífico recordo, e coa dedicatoria dunha céntrica rúa lucense por parte do Concello da cidade, distinción que, pola súa recoñecida humildade, lle costou aceptar. Con ese motivo Fraguas visitou Lugo e tivo ocasión de conversar con antigos discípulos, algúns dos que o recordan con agarimo nas páxinas desta mesma publicación. Non foi a única ocasión en que volveu a Lugo, pero debeu ser a máis emocionada para o ilustre patriarca que se viu rodeado da estima de todos os que participaron e que ratificaban a idea de que realmente Antonio Fraguas non tiña inimigos.

Carta de Fraguas rexeitando a titularidade dunha rúa en Lugo

Carta de Fraguas rexeitando a titularidade dunha rúa en Lugo

Fraguas diante do rótulo da rúa dedicada a el en Lugo

Fraguas diante do rótulo da rúa dedicada a el en Lugo

O autor dunha extensa e dispar obra escrita

Do que non hai dúbida algunha é de que don Antonio, ademais de fecundo publicista, foi un gran lector. Boa proba dilo son as numerosas recensións de libros que fixo ao longo do seu dilatado labor intelectual. As temáticas son variadas, pero a atención desas recensións céntrase en autores contemporáneos, moitos deles amigos persoais do comentarista, e mesmo algunhas delas fan referencia a obras claves da biblioloxía galega, como por exemplo a que dedicou ao Diccionario Bio-bibliográfico de escritores de Antonio Couceiro Freijomil (1954), á Historia de Galiza de Ramón Otero Pedrayo (1966), ao libro sobre Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares de Jesús Rodríguez López (1970), ou ao Cancioneiro da Agulla de Ramón Cotarelo Valledor (1984).

Ese amor á lectura e aos libros levaríao a aceptar en varias ocasións durante a súa vida profesional o cargo de bibliotecario, desempeñado sempre con gran entusiasmo tanto en centros educativos como en institucións, como o Seminario de Estudos Galegos ou o Museo do Pobo Galego; precisamente a esta última institución doaría a súa importantísima biblioteca persoal en 1994, poucos anos antes de falecer.

Desde a publicación do seu primeiro traballo en 1929 e ata practicamente o mesmo ano da súa morte, a actividade como publicista de Fraguas quedou rexistrada en máis de 350 títulos –entre libros, artigos, prólogos, colaboracións e recensións– que evidentemente non resulta posible comentar nun apunte biográfico destas dimensións81. Aínda así, algunhas obras –ademais daquelas ás que temos aludido nas liñas anteriores a fin de non desprendelas doutros comentarios– nos merecen unha particular atención, e intentaremos glosalas nos parágrafos seguintes xa que nos parecen moi relacionadas coa experiencia vital e os apetitos intelectuais de Antonio Fraguas.

- Una impresión del viaje de los Reyes Católicos a Galicia (1951), onde parte na súa análise das loitas nobiliarias de mediados do século XV, ás que os RR.CC. poñerían fin impoñendo a súa autoridade. Para Fraguas, a viaxe real ao Reino de Galicia en 1486 representou o triunfo do Renacemento, a apertura dunha nova época que quedou reflectida plasticamente na construción do Hospital Real compostelán.

- Apuntes para la historia de la primera Enseñanza en el valle de Quiroga (Lugo) (1954), e Don Gumersindo Laverde y Ruiz, catedrático del Instituto de Lugo (1956)82. Son dous traballos que reflicten a preocupación do profesor Fraguas pola docencia e polos que a practicaron. No primeiro relata a experiencia dun indiano do Perú que dota unha escola no seu lugar de orixe a fins do século XVII; o autor aproveita para destacar o carácter excepcional desta iniciativa, recoñecendo que a preocupación polo ensino xeneralizado non aparece ata o século XIX; será a mediados deste século cando se instale na capital do distrito que comenta unha escola na que describe os exames cos que demostraban a súa aplicación os alumnos, e ao mesmo tempo salienta a importancia dunha boa educación. No traballo dedicado a Gumersindo Laverde, ao que xa aludimos, recorda a personalidade do que fora catedrático do Instituto de Lugo nos anos sesenta do século XIX, e logo da Universidade de Valladolid, que foi membro das Reais Academias da Lingua e da Historia, autor dunha importante obra ensaística e epistolar, e mesmo recordado mestre de Menéndez Pelayo.

- Un contido docente teñen tamén os dous libros que son consecuencia da súa tese de doutoramento: Historia del Colegio de Fonseca (1956) e Los Colegiales de Fonseca (1958), publicados ambos na súa estadía lucense. A fonte documental básica deste estudo foron os fondos da Universidade compostelá, e no meticuloso traballo, no que mantén un estrito sentido cronolóxico, describe a vida da institución colexial desde a súa fundación polo arcebispo Fonseca no século XVI ata a súa extinción en 1840 como consecuencia do proceso desamortizador de Espartero. Na primeira parte da obra o profesor Fraguas analiza as interioridades da vida colexial, o réxime de concesión de becas, os cargos e oficios e os procedementos de selección. Comenta, así mesmo, os orzamentos para o mantemento do Colexio e relata diversos incidentes estudantís coa xustiza ordinaria; tamén alude aos litixios que mantivo o Colexio co cabido catedralicio e con outras institucións; por último, inclúe un estudio sobre a construción e características arquitectónicas do fermoso edificio no que se instalou. Na segunda parte da obra, aporta a ficha biográfica de 550 colexiais que estudaron na institución entre 1522 e 1840, ademais doutras 137 fichas de familiares ou fámulos ao servizo dos colexiais. A análise das chamadas “pruebas de sangre” permítelle rastrear as orixes familiares, académicas e sociolóxicas daqueles internos que logo chegaron a ser brillantes teólogos ou xuristas.

- La Galicia insólita: tradiciones gallegas (1973). É tal vez o seu máis completo traballo no terreo da etnografía e a antropoloxía. Tomando como base a tradición oral, pero sen esquecer as fontes escritas, Antonio Fraguas recollerá múltiples mostras de supersticións e representacións mentais sobre a vida e a morte, os ritos nupciais, de fecundación e feliz nacemento, o coidado dos fillos, as prescricións da medicina tradicional e “máxica” e os ritos funerarios.

- Outro traballo neste campo da antropoloxía sería A festa popular en Galicia (1995), onde analiza o sentido dos festexos campesiños con motivo dos casamentos, festas do Nadal ou do Entroido. Estas incursións serviríanlle para entrar no terreo da psicoloxía e no estudo das mentalidades colectivas populares, terreo –como recordaría o profesor Eiras Roel– no que podemos consideralo un experto cando este campo historiográfico aínda se atopaba en formación.

- Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago: Primera época 1784-1813-1821 (1986). É un estudo realizado a partir dos fondos desta institución que, nunha primeira etapa, extendería a súa actividade desde 1784 a 1804, cando foi suspendida polos enfrontamentos co tribunal local da Inquisición. Durante eses anos a Sociedade concretou numerosos proxectos pero poucas realidades, e aínda serían menos nas dúas reaperturas que experimentou en 1813 e 1821. Renacería con máis forza en 1834 cando, instalado o liberalismo e aprobado o Estatuto Real, os cargos destas institucións pasaban a formar parte do corpo electoral para a Cámara de Próceres como representantes das elites intelectuais do país83, o que elevaría o número de Sociedades Económicas a 233 en toda España.

Libros de Antonio Fraguas publicados na súa etapa lucense

Libros de Antonio Fraguas publicados na súa etapa lucense

Aínda que a Xeografía non foi un dos territorios de traballo preferidos polo profesor Fraguas, xa que, como afirma Luis Guitián, as súas investigacións amosaron claras preferencias polas disciplinas históricas84, non faltaron algunhas incursións neste campo, comezando por certos traballos de xuventude de carácter descritivo e etnográfico que non chegaron a publicarse (As Rías; As terras de media montaña de Cotobade). Outros, de máis entidade, si que viron a luz, como a Geografía de Galicia (1953), obra ou manual escolar publicado na súa etapa docente na que, segundo verbas do autor, tiña “la única pretensión de informar al lector de los principales problemas de nuestra tierra”. Esta obra de don Antonio sería comentada por Francisco Vázquez Saco no Boletín do Museo provincial de Lugo85, quen consideraba ao seu autor como un especialista na investigación folclórica, sen que desmerecesen as súas aportacións históricas e artísticas, aludindo a que “Cada nueva producción del docto catedrático, tan sugestiva como su innata modestia, constituye un exquisito manjar para paladares delicados”. Na interpretación xeográfica destacaba Vázquez Saco a emocionada interpretación da paisaxe, o seu expresivo estilo, os eruditos comentarios e a densa bibliografía utilizada, animando ao autor a seguir na mesma liña como publicista “para mayor gloria del nombre de Galicia”.

Cronoloxicamente posterior é Galicia. A terra e o mar, o capítulo introdutorio dunha Historia de Galicia publicada en 1980; e polas mesmas datas publicaría Geografía de un lugar, un traballo incluído no libro homenaxe que a Universidade de Santiago dedicou en 1978 a Ramón Otero Pedrayo, onde don Antonio describe as vivendas e prácticas agrícolas do seu lugar de nacemento, Loureiro de Cotobade, do que nunca renegou86.

Epílogo

En 1998, un ano antes da súa morte, empezaríase a considerar a oportunidade de constituír unha Fundación dedicada a don Antonio Fraguas Fraguas, que estivese vinculada ao Museo do Pobo Galego, sen dúbida a súa maior aportación cultural. O 29 de maio de 1999, meses antes do seu pasamento, aprobábase polo Padroado a creación da Fundación, un mes despois os Estatutos e, por fin, a Carta Fundacional, que sería asinada por don Antonio na súa propia casa o 9 de agosto dese ano. Un ano despois elixiríanse os vogais da Fundación, que quedaría definitivamente constituída o 16 de xullo de 2001. Desde 2003 esta Fundación convoca cada ano un Proyecto Didáctico Antonio Fraguas entre os centros escolares de toda Galicia, coa intención de promover os traballos de investigación do patrimonio etno­gráfico, antropolóxico, xeográfico, histórico e artístico da Comunidade galega. Con isto rememórase a figura do investigador, do escritor e do docente a quen se lle dedican estas liñas por parte de alguén que comparte con el o nome, a orixe galega e a profesión de catedrático de instituto, aínda que as súas condicións queden lonxe do sosegado temperamento persoal, das múltiples inquedanzas e das aportacións intelectuais do persoeiro que queda aquí sumariamente reflectido.

Tratábase, en definitiva, de repasar nestas páxinas algúns aspectos da vida daquel home de ben, a quen este ano se lle dedica tan merecidamente o Día das Letras Galegas, e moi en especial para recordar aqueles frutíferos anos que pasou na cidade de Lugo e insistir na idea que el mesmo expresou nos seus escritos: “no consentir el triunfo del olvido87.


1    Apelativo que lle aplicaron os seus compañeiros do Instituto pontevedrés (Clodio González Pérez, en Antonio Fraguas Fraguas. Profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, Galego de ben, p. 27).

2    Rematouna o 9 de febreiro de 1929 aos 23 anos con nota de Sobresaliente, segundo consta en certificado do seu expediente académico conservado no arquivo do IES Lucus Augusti.

3    Clodio González Pérez, en Antonio Fraguas Fraguas. Profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, Galego de ben, pp. 51-52. Neste longo artigo (pp. 24-89) o autor leva a cabo un minucioso percorrido polo espazo vital de Antonio Fraguas desde o seu nacemento á súa morte.

4    O día 22 de marzo de 1952 remataba institucionalmente o racionamento que marcou os anos da fame.

5    Segundo consta no seu expediente persoal foi nomeado catedrático de Xeografía e Historia por Orde Ministerial de 18 de abril de 1950 e ocupou o cargo o 15 de maio seguinte (vid. expediente persoal de Antonio Fraguas Fraguas, AILA).

6    Actas do Instituto Lucus Augusti (AILA), 28 de setembro de 1951. A apertura de curso tería lugar o día 11 de outono e sería anunciada no diario El Progreso o día anterior. O tema da conferencia de apertura tiña relación coa súa colaboración na 4ª Exposición dedicada a la Condesa de Pardo Bazán con motivo del Centenario de su nacimiento: Santiago de Compostela, julio de 1951. Instituto Padre Sarmiento.

7    Actas do AILA, 10 de maio de 1952.

8    Actas do AILA, 26 de setembro de 1953.

9   Actas do AILA, 16 de xaneiro de 1954.

10  Obtivo 3 votos, os mesmos que Delio Mendaña e Glicerio Albarrán, constituíndo a terna que se envía ao Ministerio para a elección de director. Finalmente, o elixido sería Glicerio Albarrán, dun modo bastante sorprendente xa que fora o profesor do instituto máis duramente castigado durante a Guerra Civil, pero debeu ter algo que ver no nomeamento o afecto que lle profesaba o seu antigo alumno Manuel Fraga Iribarne, que era agora secretario xeral técnico do Ministerio de Educación.

11 Actas do AILA, 10 e 19 de outono de 1955.

12  O nomeamento como secretario publicaríase no BOE nº 49, de 18 de febreiro de 1956, recollendo unha Orde Ministerial de 3 do mesmo mes, e supuña unha gratificación adicional de 5.000 ptas. anuais sobre uns salarios que oscilaban habitualmente entre as 10.000 e as 13.000 ptas. (vid. exp. persoal de Antonio Fraguas Fraguas, AILA).

13 De feito, nos comezos da súa estancia en Lugo aloxouse na pensión El Paramés, da rúa do Progreso, para máis tarde pasar a vivir nun piso próximo ao Instituto.

14 Actas do AILA, 7 de xullo de 1958.

15 Actas do AILA, 12 de maio de 1956. O día 4 pronunciara o seu discurso de ingreso.

16 Actas do AILA, 19 de setembro de 1957.

17 Estes cursos, que pretendían achegar o mundo universitario á capital lucense, foron recuperados a partir do ano 2005. Vid. Antonio Prado Gómez, Os Cursos de Primavera, unha experiencia educativo-cultural do franquismo (1958-1968), en Sub Urbem, Historia, sociedade e cultura da cidade, Actas do VII Curso de Primavera, maio 2011, pp. 11-33.

18 Actas do AILA de 4 de xullo de 1959. Acababa de ascender á cuarta categoría na escala de catedráticos e cobraba un soldo anual de 33.480 ptas. máis as correspondentes extraordinarias, e unha gratificación de 10.500 (Expediente persoal de Antonio Fraguas, AILA).

19 Recollido en Clodio González Pérez, en Antonio Fraguas Fraguas. Profesor, xeógrafo, historiador, antropólogo, Galego de ben, p. 75.

20  En Xeada, revista do IES Antonio Fraguas, febreiro de 1997.

21  Mª Xosé Enríquez Morales, Don Antonio Fraguas, unha vida dedicada á docencia, en Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999, pp. 152-179.

22       Antonio Fraguas “El libro y la enseñanza”, Vida Gallega, nº. 734, maio de 1958. p.29.

23  Na liña do que propoñería o movemento pedagóxico francés do éveil.

24  Xosé Manuel González Reboredo, O etnógrafo Antonio Fraguas, en Vida e Obra, 1905-1999, pp.90-117.

25 Os escritores lucenses arredor de Fole (coord. Xulio Xiz), Concello de Lugo, 1986, pp. 79-82.

26  Actas da Xunta Directiva de 3 de abril de 1951.

27  El Progreso, 8 de abril de 1951.

28  Actas da Xunta Xeral de 18 de xaneiro de 1952.

29  Actas da Xunta Xeral de 31 de xaneiro de 1958.

30  Contribución al estudio de la Navidad en Galicia: Nadales, Aninovos, Xaneiras y Reyes, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, tomo III, Madrid, pp 401-446. Recuerdos de Navidad, Vida Gallega nº 676 (1955), p.16, Vigo. A Navidade, Outeiro, nº 27, A Coruña, pp 80-82.

31  Actas da Xunta Directiva de 15 de xaneiro de 1979.

32  El Progreso, 14 de decembro de 1951.

33  El Progreso, 27 de febreiro de 1952.

34  El Progreso, 26 de xuño de 1952.

35  El Progreso, 31 de xaneiro 1953.

36  El Progreso, 11 e 12 de febreiro de 1953.

37  El Progreso, 27 de marzo de 1953. Anos despois volvería sobre este tema nun artigo publicado na revista Vida Gallega nº 733 (1958), pp. 22-23 co título Tradición y recuerdo de la Semana Santa campesina.

38  Benito Menacho Ulibarri (1865-1952), de familia militar, realizou gran parte da súa actividade profesional en México. A súa biblioteca estaba especializada en obras de historia e socioloxía.

39  El Progreso, 20 de xuño de 1953.

40  El Progreso, 09 de xaneiro de 1954. Cuadernos de Estudios Gallegos tomo VIII, Santiago, 1953, 142-146.

41  El Progreso, 05 de maio de 1954.

42  El Progreso, 30 de outubro de 1954.

43  Alfonso Vázquez Martínez (1906-1976) foi colega de profesión e compañeiro no SEG. Profesor auxiliar de Paleografía na Universidade de Santiago, ocuparía a cátedra do Instituto de Ourense desde 1942 e a dirección desde 1955 (vid. Enrique Bande, Institucións docentes e grandes mestres en Ourense, 1846-2005, pp. 203-204).

44  El Progreso, 21 de febreiro de 1956.

45  El Progreso, 24 de abril de 1956.

46  Nese mesmo ano publicou o seu artigo sobre Gumersindo Laverde Ruiz en CEG, recordando que fora catedrático e director do Instituto provincial de Lugo.

47  El Progreso, 03 de xuño de 1956.

48  El Progreso, 07 de novembro de 1956.

49  É o órgano do Instituto de Estudios Xacobeos e do Instituto Teolóxico Compostelán, dedicando nos seus artigos unha atención preferente aos que fan referencia a Santiago e a España.

50  El Progreso, 21 de decembro de 1957.

51  El Progreso, 17 de agosto de 1958.

52  El Progreso, 06 de xuño de 1959. No número de 20 de xuño de 1959, no comentario sobre publicacións e en referencia ao contido dun artigo de Vida Gallega dedicado a Ourense, recordábase a colaboración de Fraguas nesta revista.

53  El Progreso, 15 de febreiro de 1970 e 07 de novembro de 1999. No número de 06 de novembro de 1999 xa publicara o diario un longo esbozo de Fraguas baixo o epígrafe Galicia de loito, recordando a homenaxe que se lle tributara en 1989 e incluíndo unha emocionada referencia do seu antigo alumno Xulián Parga.

54  Esta revista tivo unha primeira etapa, centrada en Vigo, de 1909 a 1938, na que publicou 697 números. Na segunda etapa só publicaría 77.

55  Novas Penzol, número 20, xaneiro de 2019.

56  Vida Gallega, nº 674 (1955), p. 12.

57  Vida Gallega, nº 727 (1957), pp. 4-5.

58  Vida Gallega, nº 731 (1958), pp. 12, 13 e 18.

59  Vida Gallega, nº 734 (1958), p. 29.

60  Vida Gallega, nº 736 (1958), pp. 20-23.

61  Vida Gallega, nº 739 (1958), pp. 8-9.

62  Vida Gallega, nº 757 (1960), pp. 4-5.

63  O seu alumno Pedro Ferreiro Mazón lembra que colaborou co director do Museo, Manuel Vázquez Seijas, no tempo da súa inauguración.

64  Revista Lvcvs, nº 2 p. 55. Maio, 1958. Deputación provincial.

65  A. Eiras Roel, O profesor Antonio Fraguas e as súas achegas á historiografía galega do século XX, en Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999, pp. 131-132. CEG. t. XXIII, nº 70, Santiago, 1968. pp. 200-223.

66  A. Eiras Roel, O profesor Antonio Fraguas e as súas achegas á historiografía galega do século XX, en Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999, pp. 135-138.

67  Notas sobre el paso de los franceses en Lugo, CEG. t. XXIII, nº 71, Santiago, 1968, pp. 337-346.

68  Notas de artistas en tierras lucenses. CEG. t. XXIV, nº 72-74, Santiago, 1969, pp. 110-125.

69  Clodio González Pérez, Antonio Fraguas, Ir Indo, Vigo, 1998, p. 32.

70  De feito, ao pouco tempo da súa chegada publicaba un breve artigo sobre Tradición jacobea en Lugo (Compostela: Boletín de la Archicofradía del Glorioso Apóstol Santiago, nº 22, 1951, pp. 5-6) no que, ademais de manifestar o seu profundo espírito relixioso, unía as referencias de Santiago e Lugo, as dúas cidades onde desenvolvería o seu principal labor docente.

71  Antonio Fraguas, Lugo, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, 1974.

72  GRIAL nº 29, Vigo, 1970, pp. 369-370.

73  Luciano Fernández Penedo, Historia viva del Instituto de Lugo, Lugo, Deputación provincial, 1987, pp. 9-13.

74  Jesús Vázquez Gallego, Tradiciones, mitos, creencias y curanderismo en la medicina popular de Galicia, Deputación provincial de Lugo, 1989, pp. 9-12.

75  Lázaro Montero de la Puente, Memorias de un don nadie… Edicións do Castro, A Coruña, 1990.

76  Xa lle dedicara atención a este profesor e poeta no ano 1970: Aquilino Iglesia Alvariño, Boletín de la Real Academia Galega, tomo XXX, nº 352, A Coruña, pp.454-460. En 1986 publicaría tamén Aquilino Iglesia Alvariño: vida y obra: escolma de textos, Real Academia Galega, A Coruña.

77  Naturalmente que o interese de Fraguas pola biografía de ilustres galegos non quedou nos personaxes lucenses, fixo bastantes aportacións máis neste terreo, e poden servir como exemplo as publicadas sobre Manuel Murguía, o patriarca (Grafinsa, Vigo, 1979), a titulada Larear con Don Vicente Risco (Outeiro nº 14, 1984, pp. 41-42), e a do seu mestre pontevedrés Antonio Losada Dieguez (Outeiro, nº 15, 1984, pp. 59-60).

78  Especies Frondosas en la repoblación de Galicia, Lugo, Deputación provincial, Lugo, 1992, pp. 101-108. O libro recolle o ciclo de conferencias sobre este tema organizadas pola Institución coa colaboración da Academia Galega de Ciencias.

79  Xosé María Gómez Vilabella, Historias intra da bisbarra Baleira –Castroverde- Pol, Lugo, Deputación provincial, 1992, pp. 5-6.

80  Antonio Fraguas, As cousas de Antonio de Insuela, O Correo Galego, Santiago, 1996, pp. 68-71.

81  Vid. referencia da súa obra en Rosa Mª. Méndez García, Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999, en Vida e Obra, 1905-1999, pp. 258-266. Ib. Novas Penzol, número 20, xaneiro de 2019.

82  CEG, tomo XI, pp. 307-312. Para as referencias bibliográficas do personaxe, Fraguas consultou detidamente o seu expediente persoal conservado no arquivo do Instituto Masculino, o que lle permitiu descubrir que foi director do centro desde 1870 ata a súa marcha de Lugo en 1873. Non é o único lucense interesado na personalidade de Laverde: un ano despois, no diario El Progreso do 20 de novembro de 1957, o poeta Manuel María dedicáballe outro artigo, no que, curiosamente, non fai referencia ao de Fraguas.

83  Natividad Araque Hontangas, Las primeras elecciones celebradas con el Estatuto Real de 1834, Cuadernos de Historia Contemporánea, 2010, vol. 32, p.99.

84  Luis Guitián Rivera, A obra xeográfica de Don Antonio Fraguas, en Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999, pp. 147-151.

85  BCPMHAL, tomo V, p. 320.

86  Para o seu amigo Fernández del Riego, Fraguas era debedor no terreo xeográfico do maxisterio do seu tamén amigo Ramón Otero Pedrayo. Vid. Francisco Fernández del Riego, O galeguista de Cotobade, en Antonio Fraguas Fraguas, 1905-1999, pp. 18-23.

87  Una impresión del viaje de los Reyes Católicos a Galicia, en BCPMHAL, tomo V, p. 3