Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, xuntaron lembranzas o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.
Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da fonda pegada que deixou neles e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que nos vindeiros meses percorrerá toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.
O proxecto "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” conta coa colaboración de GaliciaDigital e co apoio da Xunta de Galicia.