Das lembranzas dun vello alumno (Paco Martín)

1954 foi Ano Santo Xacobeo e o Instituto Masculino de Lugo preparaba unha peregrinación de profesores e alumnos para gañar o xubileu en Compostela. Don Pedro López Rubín, profesor de Relixión, íanos levando, por cursos e no tempo da súa clase, até o vestíbulo da entrada principal
–daquela reservada en exclusiva para o profesorado- para aprendernos a cantar o himno do Apóstolo.

Entregábase, don Pedro, a aquela misión con toda a súa enerxía e sentido da responsabilidade, mais a verdade é que nós, movéndonos daquela nese incerto camiño que leva da infancia á adolescencia, non eramos capaces de poñer na parte que nos correspondía o mesmo interese e dedicación polo que non creo que sexa demasiado arriscado supoñer que o noso canto dificilmente chegaría coa afinación precisa até o Santo adalid, patrón de las Españas, amigo del Señor... a quen nos dirixiamos.

Con todo, e con máis ou menos soltura, íamos avanzando na música e mais na letra do himno motivados pola perseveranza entusiasta do sacerdote e, sobre todo, pola inminencia dunha viaxe que se nos prometía chea de todas as novidades e descubrimentos que don Antonio Fraguas ía desvelando nas súas clases, movida a nosa imaxinación polo seu enorme saber a mais polo amor á cidade compostelá que das súas palabras se desprendía.

Crónicas, lugares, monumentos, paisaxes, lendas, feitos singulares na historia do Camiño maxistralmente relatados por el aguilloaban a nosa fantasía e facían de nós camiñantes dunha senda iniciática nunca antes coñecida.

Falaba don Antonio do mito que atribuía a Carlomagno a interpretación xacobea do vieiro celeste que contemplaba desde as fiestras do seu palacio de Aquisgrán e a figura de aquel emperador era para min a dun Fraguas barbado, sabio, prudente e eficaz guieiro dos noso pasos.

A peregrinación a Compostela encheu todas as nosas expectativas e mesmo diría, sen medo a me enganar demasiado, que cando volvemos a Lugo eramos unha miga menos ignorantes e, se cadra, tamén unha miga máis maduros. Despois seguimos canda el percorrendo estepas e desertos, selvas tropicais e pampas largacías, cumes de neves eternas e océanos insondables e tamén ríos cantareiros de augas limpas e chairas a pan centeo. Soubemos dos fundadores de Roma e da orixe de Chantada, de intrépidos viaxeiros e de labregos loitadores, de distancias e de encontros, de cantigas e de bágoas... Aprendemos a distinguir con claridade a silueta dun castro, a entender as razóns da postura das pedras dun valado e a lóxica arquitectura dos hórreos, a aplicármonos en interpretar tímpanos e capiteis no románico e a apreciar a coherencia do pensamento do Padre Feijóo...

Don Antonio Fraguas Fraguas fixo que puidésemos saber o lugar que Galicia ocupa no mundo... Un mundo no que nos foi permitido entrar levados sempre da mao segura do mestre. E sei ben que, por isto, todos cantos tivemos a fortuna de sermos alumnos de don Antonio gardamos para sempre grata memoria do seu maxisterio e fondo respecto pola súa persoa. E sei tamén que para el os anos que en Lugo traballou deixaron pegada fonda e entrañable, seguras amizades e mesmo un algo de señardade. Así nolo confesou un sábado de Entroido no que, a petición nosa, asistiu ó xantar anual que os compañeiros de curso que, en 1950, comezaramos os estudios de bacharelato no, daquela, Instituto Masculino de Lugo o mesmo ano no que don Antonio se incorporaba nel á súa cátedra de Xeografía e Historia e no que tamén se estreaba o edificio actual.

Falou o profesor á sobremesa e era como volver atrás no tempo, como se renacese en nós aquela curiosidade xuvenil que tan ben sabía el estimular e fixemos o que non podiamos facer en clase: aplaudir calorosamente.

Don Antonio e mais eu cadraramos algunhas veces, en entregas de galardóns, homenaxes, presentacións de libros e cousas así e sempre tivera comigo a consideración e mais a deferencia que nel eran habituais e que, estou seguro, influíran en que un día eu ousara pedirlle o favor que paso a relatar:

No verao de 1976 viñeran pola miña casa de Lugo –despois dunha cita telefónica- catro membros dun equipo da televisión francesa que estaban en Galiza preparando a realización dun programa inspirado por un artigo xornalístico de Ramón Chao Rego que aparecera nunha publicación parisiense, artigo no que se analizaba dalgún xeito o estado cultural, social e político da Galiza daquel tempo. Pretendían incorporar ó proxecto a unha mestra ou mestre que utilizase o galego como lingua normal de uso na súa escola.

Eu, daquela, traballaba en Bretoña, na Pastoriza de Lugo, e cumpría, ó parecer, algunhas das condicións por eles requiridas. Falamos –coa eficaz axuda de Ángela, a miña compañeira-, marchamos pola tarde a Bretoña para ver as escolas -era tempo de vacacións-, fomos ver tamén a igrexa, o castro no que se asenta e, despois, dona Amparo, a mestra, convidounos á merenda.

Estabamos sentados todos na cociña da casa cando Jean Émile, o realizador, dixo que nos quería preguntar algo e despois de varios intentos frustrados fixo unha indicación a Renatta, a secretaria de rodaxe, e esta sacou un pequeno caderno, abriuno e amosounos unha folla na que estaba escrita a palabra lareira.

Querían saber se sería posible dar con algunha por alí porque, non sei se estaba no escrito de Chao Rego ou porque alguén llelo dixera a eles, pretendían filmar a tres ou catro persoas sentadas ó carón do lume e falando de sucesos, máis ou menos reais pero provocadores de medo. Querían, en concreto, un relato de vinganzas e sangue e outro de lobos que acometían á xente e que lles dixeramos se sabiamos de alguén que puidese facelo con xeito. Pensei, e así o dixen, en don Ánxel Fole para o dos lobos e en don Antonio Fraguas para o do episodio sanguento. Fixeron algunhas preguntas e decidiron que pagaba a pena falar con eles.

Guiados, despois, pola mestra fomos ver unha casa antiga que, aínda que xa non vivía ninguén nela, estaba en bastante bo estado e tiña unha fermosa lareira que gustou ós franceses. Aquela mesma tarde, xa de volta en Lugo, localizamos a Fole na redacción de El Progreso, saímos xuntos tomar uns cafés, puxémolo ó corrente do que se pretendía e aceptou de bo grado o seu papel. Ó día seguinte marchamos a Compostela, visitamos a Fraguas na súa casa e tamén a el lle pareceu ben o proxecto, sobre todo despois de saber da participación de Fole.

Quedou todo apalabrado e no mes de xaneiro de 1977, despois das vacacións de Nadal, volveron os franceses traendo canda eles o material preciso. Filmaron durante dous días o traballo na escola e no terceiro día, no que chovía a cachón, axeitaron todo para as actuacións de don Ánxel Fole, a quen levaramos desde Lugo, e don Antón Fraguas a quen outros membros do equipo foran buscar a Santiago.

O 31 de xaneiro aparecía na desaparecida Hoja del Lunes de Lugo un artigo titulado Chove, chove, chove... asinando Neumandro, o máis utilizado dos pseudónimos de Fole, no que don Ánxel relataba aquela experiencia argallando unha conversa cun imaxinario interlocutor:

(...)

-Yo nunca estuve en Bretoña.

-Pues yo puse allí el pie por primera vez. Pero amigos, siempre alabaré el buen caldo y la buena carne de Bretoña. Una comida internacional, de gallegos, italianos y franceses, con el equipo, de televisión francesa, al director del equipo le iban traduciendo alguna frase y versos gallegos al francés. Y aplaudió cuando le canté, en francés, la primera estrofa de una canción de su tierra lorenesa.
 (...)
 -Nuestro auriga era esta vez una joven italiana llamada Renatta, colaboradora del mencionado equipo. No nos cansamos de charlar con ella, al correr del auto, lo mismo Paco Martín que un servidor.
(...)
-Diré que mi sorpresa rayó en el estupor al ver allí a mi viejo y querido amigo, el catedrático Antonio Fraguas, inolvidable profesor del Instituto de Lugo y colega de Academia. Antonio Fraguas está tan simpático como siempre, tan ameno y cautivante, charlando de cosas de Galicia.

-Mis hijos recuerdan siempre con gran cariño su tan eficiente magisterio en el Instituto. Con frecuencia me preguntan por él.

-Nos alegramos de que tenga que narrar un “sucedo” ante el “argadelo” da la tele francesa. Estamos seguros que le oirán millares de gallegos emigrados en Francia y Suiza. ¿Qué dirán, que comentarán? (...)

Estou seguro de que xa comentaramos antes con el, e máis dunha vez, que Fraguas ía estar alí, pero, non sei se como recurso literario ou porque, efectivamente, non o recordaba, isto foi o que deixou escrito.

No que non se engana nada é no referido ó xantar na fonda de Luciano, que fora en verdade saboroso e ben acompañado de interesante conversa. Ó rematar marchamos, ben mantidos e abeirados polos paraugas coloridos dos franceses, ate a casa vella da señora Esperanza. Eran aínda tempos nos que se filmaba, mesmo para a televisión, con película de 16 mm. e xa o director de fotografía -o simpático “Pierrot”, sempre cun sorriso na boca e os petos cheos de rolos de esparadrapo cos que todo prendía e arranxaba- tiña os seus trebellos a punto, os focos no seu lugar e os micrófonos -o son era en directo- pendurados das correspondentes xirafas.

Maquillaron ós dous protagonistas, axeitáronlles algo a roupa e sentáronos nun banco cabo do lume acompañados pola señora Esperanza, a ama da casa. Fixeron as probas de rigor e, cando todo estaba en condicións, comezouse coa rodaxe. Falou primeiro Fraguas e fixo unha auténtica creación, actuando sen afectación ningunha e relatando, maxistralmente, unha historia de verdade estarrecedora o que fixo que os outros personaxes da escena esquecesen de todo os aparellos que tiñan ó seu arredor e vivisen o momento con enteira naturalidade. A muller preguntaba sobre detalles puntuais e don Antón íallos aclarando mentres Fole asentía, por veces, cun sonoro Si señor!

Parouse a rodaxe. Parabéns das xentes da televisión. Uns grolos de auga, unha miga máis de conversa e unhas poucas instrucións e algún retoque á maquillaxe mentres Fraguas, a señora Esperanza e Fole seguían falando entre eles do conto que don Antonio relatara.

Volveuse poñer en marcha toda aquela estrutura e agora correspondíalle a vez a don Ánxel que comezou un relato que ía, ó meu parecer, bastante na liña do que antes lle escoitaramos a don Antón. De calquera maneira era tamén un fermoso conto e moi ben contado, pero que non tiña practicamente nada que ver co proposto. Os lobos non aparecían por ningunha parte, os franceses non entendían o que se estaba dicindo, o programa íase emitir en galego con subtítulos en francés e as traducións facíanse en Compostela onde levaban o material gravado cada día para alí procesalo e eu, claro, tiña medo de que cando o traducisen, e visto o que pasara, tomaran a decisión de repetir o xa feito para axustalo ó que eles querían, pero en calquera outro lugar e con diferentes protagonistas. Sentinme na obriga de facer porque quedaran ben aqueles meus amigos e comecei a realizar cantos acenos, sinais e indicacións que se me ían ocorrendo para transmitirlle a don Ánxel o que faltaba na historia. Non podía falar en alto porque estaban gravando o son en directo.

Don Antonio observaba, por veces e algo atónito, ós meus espaventos e, supoño, non sabía o que estaba a pasar aínda que estou seguro de que entendía ben a palabra lobos que eu me esforzaba en articular, esaxerando moito a pronuncia pero sen emitir son ningún.

Un par de veces pensei que Fole me entendera, pero non debeu ser así porque seguira falando tranquilamente e sen facer caso ningún dos meus esforzos. O conto estaba chegando ó seu cabo, todo o mundo parecía máis ca satisfeito porque non sería preciso repetir nada e eu, vencido se cadra polo desánimo, decidín renunciar a xestos e indicacións e agardar a ver que pasaba.

Rematou, fíxose un cativo silencio e, xusto antes de que o director mandase parar a filmación, ergueu Fole a man dereita para reclamar atención e dixo, seguro e convencido: Ah, e aquela noite seica houbera unha chea de lobos por alí!

A min deume a risa e todos aplaudimos.

E a cousa foi que, feita a tradución e revisada polos integrantes do equipo da televisión francesa, a todos lles pareceu ben e quedaron encantados cun resultado do que eu, coitado, chegara incluso a dubidar...

Daquela experiencia gardaran longa memoria tanto don Ánxel Fole como don Antonio Fraguas con quen a comentaba cada vez que tiñamos ocasión. Mesmo o día no que recibira o Pedrón de Ouro preguntárame se eu chegara a ver a reportaxe.

Díxenlle que non pero que aquel verao de 1977 foran bastantes as persoas, emigrantes en Francia e en Suíza que estaban por eiquí de vacacións, que me paraban na rúa para dicirme que a viran na televisión e que os emocionara moito, sobre todo porque era falado en galego.

O propio don Antonio escribira, dous anos despois, nun artigo titulado Fole nos cernes de Galicia que se publicara nun volume colectivo editado polo Concello de Lugo como homenaxe ó escritor lugués, lembraba don Antón aquela aventura:

 (...) Fole e mais eu fixemos amistade en Santiago de bon trato, somentes algún comentario no café sin ser da mesma peña, era sinxelo o noso trato e miña estancia en Lugo fixo máis fonda a relación e máis tarde tomamos parte nunha película francesa no norte da provincia de Lugo onde tiña escola Paco Martín, sentados na clásica cociña de lareira ó lado de unha das donas da casa. Era un día de chuvia. A nosa misión era contar dous contos, o meu era de pé forzado porque tiña de ser o conto máis tráxico que eu coñecera e a Fole deixárano de libre eleución.

Non tivo para min tanto intrés o que dixemos para a película como o que falamos durante o tempo que estivemos xuntos dende o mesmo xantar deica que rematou a nosa estadía no norte da Terra Chán lucense, unha serán de fortes chuvias (...)

Van aló moitos anos e son tantas as deficiencias que o paso do tempo foi engadindo ás miñas xa abondosas de natural que hoxe, ó lembrar isto que eiquí se veu contando, vólveme ó acordo, nidia, a lección aquela na que don Antonio falaba do mito que atribuía a Carlomagno a interpretación xacobea do vieiro celeste que contemplaba desde as fiestras do seu palacio de Aquisgrán e, agora tamén, a figura de aquel emperador era para min a dun Fraguas barbado, sabio, prudente e eficaz guieiro dos noso pasos.

Intervindo nos Cursos Universitarios de Primavera

Intervindo nos Cursos Universitarios de Primavera