Cando alguén se ve obrigado a deixar o seu lugar de residencia, para ir a outro establecerse para traballar, acostuma a repetirse unha “frase feita” (mantra) que di: A X … (lugar de destino) vaise chorando, pero sairás tamén chorando. Isto non é máis que a constatación do que nos custa saír das nosas zonas habituais e de confort.
Resulta que ese dito non se cumpriu con D. Antonio Fraguas, máis ben ao contrario, xa que veu a Lugo contento. Esta satisfacción tivo difusión en Galicia. En efecto, a súa oposición á cátedra foi comentada por D. José Fernando Filgueira Valverde e Javier Sánchez Cantón en dúas cartas: na primeira, datada o 7 de febreiro de 1950, di Filgueira: Fraguas, si gana la cátedra, les vendrá de perillas en Lugo. Na segunda, con data do 17 de marzo tamén de 1950, Sánchez Cantón infórmalle a Filgueira: Fraguas aprobó el 4º1.
Don Antonio foise de Lugo tan satisfeito como contento. Chegou coa fachenda de ter logrado recuperar aquilo que lle tiñan usurpado: a cátedra de Xeografía e Historia e, son palabras súas, tamén por ter recuperado (case) a liberdade en Lugo. A satisfacción do Profesor (que o acompañou toda a vida) baséase na labor didáctica desenvolvida, as publicacións rematadas e entregadas á imprenta durante nove cursos e, sobre todo, o cariño dos seus alumnos, tamén o recoñecem ento da sociedade lucense, e das máis importantes institucións galegas polo seu traballo a prol da cultura e a lingua galegas.
Os feitos citados son os motivos que nos moveron a impulsar o proxecto dos “Nove anos de Fraguas en Lugo”. É dicir: Fraguas pertence a Lugo. Foi e sentiuse un lucense.
A pertenza a un grupo consiste na necesidade que temos os humanos de sentírmonos formando parte dun conxunto que nos recoñece e recoñecemos coma noso.
O psicólogo Abrahan Maslow, na súa pirámide de necesidades humanas, coloca a necesidade de pertenza a un grupo, no terceiro lugar (comezando por debaixo da citada pirámide), a continuación das necesidades fisiolóxicas (1º posto) e de seguridade (2º)2. Quere isto dicir, nesta teoría, que satisfeitas estes tres tipos de necesidades “de déficit” ou básicas, as persoas xa están “en condicións” de aspirar a acadar os niveis superiores como son (5º) a necesidade de recoñecemento, na que se inclúe a autorrealización.
Hai unha pertenza natural que é a familia, outras son froito das circunstancias en que nos coloca a vida (pertencer a un curso no colexio), pero existen outras que debemos merecer, tal é o caso do profesorado que forma parte dun claustro profesional; para integrarse, pertencer e ser recoñecido na vila ou cidade dese centro é unha decisión persoal que debe gañarse.
Como diciamos antes, nos motivos de satisfacción, eses motivos foron tamén as causas de ter gañado a pertenza e o recoñecemento da sociedade lucense. Lembremos esas causas:
1. O cariño dos seus alumnos foi algo recoñecido e testificado, tal e como pode verse no capítulo “Lembranzas” desta publicación. Aí Xulio Xiz recolle os recordos dos seus alumnos. No capítulo “Das lembranzas dun vello alumno”, Paco Martín conclúe o seu escrito:
…ó lembrar isto que eiquí se veu contando, vólveme ó acordo, nidia, aquela na que don Antonio falaba do mito que atribuía a Carlomagno a interpretación xacobea do vieiro celeste que contemplaba desde as fiestras do seu palacio de Aquisgrán e, agora tamén, a figura de aquel emperador era para min a dun Fraguas barbado, sabio, prudente e eficaz guieiro dos nosos pasos.
Tamén Xulián Parga nos fala do “Mestre Fraguas”. De Don Antonio destaca a súa proximidade cos seus alumnos e da importancia que lle concedía aos seus discípulos.
2. A participación nas actividades da sociedade lucense é narrada por Antonio Prado Gómez. Tamén “fai referencia” ás homenaxes que se fixeron en Lugo. Dentro destas celebracións destaca a dedicación dunha rúa ao Profesor. Este acontecemento detállase no capítulo “Homenaxe a Antón Fraguas en Lugo”.
3. As publicacións, especialmente as referidas a Lugo e a súa provincia, están mencionadas ao longo desta obra e sobre elas é preciso lembrar o que escribe o seu amigo e colega don Antonio Eiras Roel: ao lado das fontes etnográficas e da historia oral, en Fraguas deuse tamén – nos seus anos de catedrático en Lugo, sobre todo – un importante labor de arquivo e de investigador do documento escrito3.
4. O seu sentimento lucense. O recoñecemento da súa pertenza a Lugo mantívose toda a vida en don Antonio. Hai moitas testemuñas que o manifestan. Escollemos unha liña que nos semella definitiva. Transcribímola dunha carta que o profesor lle manda ao seu ex alumno Xulián Parga (Santiago, 16-I-97). Aquí di: “Ti xa sabes que media alma miña está perennemente en Lugo”
5. Finalmente subliñar que esta pertenza e este recoñecemento non son excluintes, senón que se poden estender a toda Galicia. Así se pode ver no último capítulo “Fraguas busca o ser de Galicia”, onde Manuel Regueiro estuda a “mentalidade” que guía o traballo de don Antonio, que sirve para deducir algunhas características do ser de Galicia.
1 Cartolatria. Epistolario Sánchez Cantón – Filgueira,1944-1952(2018). Deputación de Pontevedra. Museo de Pontevedra. Tomo II. Págs 333 e 338.
2 Maslow, A.(1943) A Theory of Human Motivation. A obra foi reeditada, ampliada e moi comentada.
3 Texto tomado do libro: Antonio Fraguas Fraguas 1905 - 1999. No artigo de Antonio Eiras Roel: Á historiografía galega, páx. 138.