Os seus alumnos lucenses (promocións do Instituto “Masculino” 1950/1960) nunca esqueceremos a don Antonio, o noso entrañable, garimoso, grande profesor.
O cinco de novembro de 1999, no seu pasamento, remitímoslle un telegrama á Familia Fraguas, dirixido ao Museo do Pobo Galego, no que expresabamos: “Compartimos con vds. e Galicia dor perda grande home inesquecible mestre”.
E pouco despois, o 28 de decembro de 1999 (aniversario do nacemento do Profesor), ás 20,30h., na igrexa lucense de A Nova, ofrecemos unha eucaristía na súa memoria, oficiada polo crego Abel Quiroga Gallego, na que participamos moitos antigos alumnos e numeroso público.
Por especial agarimo de varios dos seus membros ao profesor Fraguas, cantou a misa o ORFEÓN LUCENSE, o coro oficial da Catedral de Lugo, dirixido por Nemesio Gutiérrez González, que interpretou “Requiem aeternam”, “Señor, ten piedade”, “A palabra do Señor”, “Hoxe escoito, Señor”, “Deus do Universo”, “Santo, Santo, Santo”, “Año de Deus” e “Ven, Señor, ás nosas almas”.
Foi o noso “Ata sempre, don Antonio”, desde o lugar e co ambiente co que el sintonizaba. E este libro, e cantas accións o acompañen, veñen ser o “diciamos onte” ao noso venerable profesor, trasladado a hoxe, e mesmo coa promesa do agarimo futuro en tanto quede un de nós para acreditalo.
No xornal El Progreso de 6.11.1999, lémbrase a homenaxe dos antigos alumnos lucenses, e publícase un artigo do antigo alumno e gran amigo Xulián Parga.
Vida Gallega, 1959