Antonio Fraguas: excelente profesor e magnífica persoa

Fun alumno do Instituto Nacional de Ensino Medio de Lugo (Masculino) desde a data do exame de ingreso (1.06.1950) ata o exame de grao superior para a obtención do título de Bacharelato (11.06.1956). Polo tanto, formo parte da “promoción Instituto Masculino 1950/1956”.

Antonio Fraguas Fraguas, Catedrático numerario de Xeografía e Historia do Instituto Masculino de Lugo, foi para a miña promoción, entre outras, un magnífico e excelente profesor. Debo aclarar que o meu comentario non versa sobre os datos técnico-científicos do seu currículum vitae, amplamente descritos na documentación oficial e redes sociais, nin tampouco sobre a situación cívico-social da época.

Nesta lembranza, como alumno seu que fun, refírome ás cualidades que adornaban a súa persoa como profesor e mestre da nosa promoción. Todo, enmarcado nas coordenadas –principios– de liberdade de expresión e da verdade, creo eu, recibidas da cualidade humana de Antonio Fraguas. Engado, ademais, un terceiro elemento de xuízo: o orgullo de pertencer a esta súa promoción de alumnos que seguimos unidos, a través do tempo, non por casualidade senón por algo máis… algo que o señor Fraguas nos transmitiu: o sentido da amizade e compañeirismo.

Querido lector, non creo no azar das cousas. Todo canto sucede na nosa contorna responde a un fío conductor; neste caso, é o froito do ensino recibido da enxeñosa e humana forma de comunicar aos seus alumnos, non só coñecementos técnico-científicos senón humanidade, que nos permitiu cumprir co noso deber cívico na vida profesional.

O profesor Fraguas, no seu afán de animarnos a estudar de xeito ordenado e sistemático, afirmaba: “Estudiar é como comer ovos”. Dicía el: “se comes un ovo ao día, durante un mes, seguro que che senta ben e ademais non require moito esforzo. Sen embargo, se os deixas todos xuntos para o último momento, sentiraste agobiado no teu intento, terás un gran empacho e non che servirá de nada bo”. E, explicaba: “Pois, co estudo ocorre algo parecido”.

Cando na cidade de Lugo, a petición dos seus alumnos do “Masculino”, se lle rendeu unha merecida homenaxe o sábado 7.10.1989, descubriuse unha placa co nome “Rúa Antón Fraguas”, concedida polo Concello á vía que une Quiroga Ballesteros coa praza da Soidade, e celebramos con el un almorzo no Restaurante Monterrei, en Doutor Castro,14. No descubrimento da placa, os asistentes puidemos escoitar de labios do ilustre profesor palabras cheas de tenrura e humildade. Ao descubrir a placa, dixo: “Algún dia, calquera persoa que pase por aquí e lea “rúa Antón Fraguas” preguntarase: Quén sería ese señor?... e respostarase: Quen queira que fose, a min mal non me fixo!”.

Don Antonio Fraguas e Fraguas, ao meu modesto entender, foi un excelente profesor e unha magnífica persoa, coas cualidades propias do mestre exemplar.