Eramos a primeira promoción de alumnos (1950- 1956) que empezou os seus estudos no Instituto Lucus Augusti, os últimos en examinarnos de ingreso no vello, situado entón nun lateral do pazo de San Marcos.
Para aqueles rapaces, todo era unha novidade. Non tiñamos idea de como ía ser aquel novo episodio da nosa vida, non sabíamos como serían os nosos estudos nin como serían os nosos profesores, e ademais estreabamos un novo edificio. Por non coñecer, non nos coñeciamos entre nós.
Fomos uns privilexiados. Tiñamos un profesorado que resultou irrepetible, con xente como D. Francisco Bernis, D. Delio Mendaña, D. Froilán López… e xente con outras ideas como D. Glicerio Albarrán, D. Lázaro Montero ou D. Antonio Fraguas.
D. Antonio Fraguas era diferente. Todos deixaron recordos na nosa vida, pero el foi quen máis influiu en min. A D. Antonio tiñámoslle un respecto e agarimo especiais. Chegaba á clase sempre puntual. Poñíamonos de pé, e el con medio sorriso e cun xesto coa man indicaba que nos sentasemos. Logo poñía a súa carteira sobre a mesa e sacaba do bolsillo do seu chaleco un reloj ao que daba corda e colocaba sempre no mesmo sitio.
Podía pasar lista ou non. Sempre daba a clase de pé, sempre tratándonos de Señor… era un respecto cercano. Para dar a lección, nunca o facía de un en un, sempre en grupo de catro ou cinco alumnos; situábanos arredor da mesa, e preguntabanos. Só con vernos, sabía como levábamos o tema, así que ao final interrumpía as nosas contestacións e completábaas, participando connosco. Co que el dicía, estimulábanos para que prestásemos atención; ensinounos a escoitar.
Con el aprendemos xeografía, as rexións de España, a súa agricultura, industria… as características, difíciles naqueles tempos. Ensinounos Historia de España e historia universal, a veces tan complicada e espesa, pero sempre nolo facía fácil.
De don Antonio todos recibimos respecto e agarimo. Foi un profesor cercano que nos ensinou a participar, do que aprendemos a escoitar e a respectar. Foron as mellores leccións porque marcaron as nosas vidas.
Este ano, o Día das Letras Galegas faille unha homenaxe á súa figura. Galicia recoñece a súa personalidade de home xeneroso e preocupado pola súa terra desde sempre. Nós, os alumnos de moitas xeneracións de escolares, facémolo sempre á nosa maneira. Pero sempre.
Os alumnos da promoción 1950-56 levamos -como outras promocións- moitos anos celebrando unha xuntanza o sábado anterior ao Antroido, e falemos do que sexa, sempre rematamos lembrándoo. El soubo deste cariño porque despois de rematado o bacharelato tivemos a sorte de ter unhas xuntanzas nas que disfrutaba sabéndose lembrado con tanto agarimo.
Grazas ao profesor que nos ensinou a participar, escoitar e respectar, cousas hoxe tan difíciles.