Don Antón Fraguas

Eu tiven a honra de ser o seu alumno nos anos finais de bacharelato, no Instituto de Lugo, e lémbroo co inmenso afecto que merecía este home bo e humilde, que levaba Galicia no seu corazón.

Lembro, como unha mostra da súa sinxeleza, que á saída dunha clase neste Instituto, cando don Antón percorría un pasillo do centro, absorto na lectura dun libro, varios alumnos acudimos solícitos a advertilo de que estaba barrendo o chan coa gabardina, porque tan só puxera unha manga. Tras decatarse do despiste, repondeu inxenuamente: “¡Bah!,¡A probe, nin para eso vale!”.

O 17 de maio de 1995, catro anos antes do seu pasamento, celebrou a Xunta de Galicia un acto institucional con motivo do Día das Letras Galegas, dedicado aquel ano a Rafael Dieste. A el, asistiron máis de mil cargos institucionais e persoeiros da Cultura de Galicia. A iniciativa propuxéralla eu a Fraga, convencido de que axudaría a forxar o ambiente dun día tan sinalado no devir de Galicia, xa que no acto se outorgaría o Premio das Letras e das Artes de Galicia, creado polo Departamento que eu rexentaba e dotado coa elevada cantidade, para aquel entón, de cinco millóns de pesetas.

Fallouse o premio na cea, e cando o secretario do Xurado, Homero Pérez Quintana, Director Xeral de Promoción Cultural, leu o ditame deste Xurado e pronunciou o nome de don Antón Fraguas, estalou un aplauso unánime, entusiasmado e longo, en síntoma dunha aquiescencia pouco frecuente no campo da creación cultural.

Eu fun buscar a don Antón á súa mesa, e leveino do brazo ata o micrófono. Na súa intervención mostrou unha vez máis a súa sinxeleza e o seu humilde e inquebrantable galeguismo, que el traducía simplemente por amor a esta terra. Sempre admirei aos que crean cultura, pero aquela noite non só sentín a admiración que don Antón Fraguas suscitaba, senón tamén a gratitude que inspiraba a longa vida dun home bo que tiña a Galicia por bandeira e norte da súa existencia.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe