Don Antonio Fraguas, un novo xeito Chega a Lugo Don Antonio no ano 1950 ao novo Instituto, entón Masculino de Enseñanza Media, recentemente estreado, e trae un novo xeito de comportarse no seu trato persoal e didáctico co alumno. El móstranos a Xeografía e cóntanos a Historia. Pregúntanos de onde somos: de Lugo, da provincia ou de fóra, e do lugar que lle contestamos danos cumprida información do río, santuario, feira, romaría, castro ou mámoa. Ofrécese a acompañarnos camiñando a visitar castros e mámoas dos concellos a carón da cidade.
A proximidade, respecto e confianza, cun sentido práctico e directo do ensino, desde o relato ameno, foron sempre as ferramentas que utilizou Don Antonio para entenderse como persoa e como mestre connosco. Algo ao que non estabamos afeitos.
Hai máis de seis décadas e recordo, como si fose onte, o día que me chamou para preguntarme a lección. Púxenme de pé e díxenlle que non a sabía. A súa resposta foi: “A vostede parécelle que non a sabe tan ben como debía, pero si seguro que recorda”, e comezou el a dar a lección por min, engadindo de vez en cando: “e seguro que tamén se acorda que…” ata rematar dicíndome: “Ve como algo si sabia? Por algunha circunstancia onte non puido estudar a lección, pero fágao para poñerse ao día”. “Vostede quizá me admire polo que sei, e eu teño que confesarlle que lle teño unha gran envexa polo ben que anda vostede en bicicleta, cousa que sempre quixen aprender e nunca fun capaz. Míroo por esta ventá cando pasa pola Avenida dos Tilos e quedo admirado do ben que o fai”.
Este era Don Antonio Fraguas.