Fraguas, dúas fraguas

Quero ser obxectivo, cousa ben doada tratándose de don Antonio; para min, sempre, e para sempre, Antón, o Polifacético: antropólogo, historiador, escritor, etnógrafo, etc., etc. ¡O “Espasa” galego! A todo isto, que apelidos, tan ben herdados e tan ben tratados, auténticos e merecidos carteis do seu escudo persoal e familiar.

Unha fragua, un fogón no que se quentan os metais para traballalos. Iso foi Antón; para min, Excmo. Sr. Un forxador que quentou o amor patrio. Por algo o perseguiron aqueles...! Un forxador que nos abrandou na nosa altivez global, globalizadora, para ensinarnos, para explicarnos, para demostrarnos a nobreza, a pureza, de ser galegos. Colón, Cervantes... e algún máis, ensancharon a Gallaecia, pero don Antonio (Antón) non se quedou atrás pois coa súa mestría de Mestre, que é moito máis que ser Profesor, xa que “magister” é, e significa, ser condutor, sen xactancias, coa súa humildade, coa súa sinxeleza característica, descubriunos valores galaicos que seguían ignorados, ou pouco cualificados.

No prólogo co que honrou o meu libriño “Historias Intra da Bisbarra Castroverde, Pol e Baleira”, lembrouse, lembroume!, que a cabeza do Mariscal, despois de separada do corpo exclamou, por tres veces, Credo! Que ben sabía Fraguas que un bo galego, un galego coma el, e acaso coma o Pardo de Cela, cre, ten fe, na resurrección da nosa Galicia; e canto axudou a levantala, a honrala, a glorificala!

Nas miñas, curtas, entrevistas, principalmente no Hostal Paramés, e despois no convento de San Domingo de Bonaval, que sempre foron curtas porque eu andei de viaxes a maior parte da miña vida errática, el nunca me despediu, despedinme eu, polas miñas présas!, aínda que sempre, e xuro que así foi, pola súa parte, como bo Mestre, nunca se cansaba de falar, de falar ben falado, de ilustrar ao presente, ao alumno.

Que máis podo dicir, en poucas verbas? Tan só que sinto non terme aproveitado algo máis das súas, xenerosas, entrevistas, porque ao seu lado todo eran leccións, amenas e sabias, únicas. Un dos meus libriños, deses que subín ao Internet, titúlase “Entrevistas post mortem”. Pois unha das que teño que engadir é a de pedirlle audiencia á Fraguas, unha nova, enésima, audiencia, se é que me admiten asomarme ao Olimpo, ao Olimpo dos Galegos Ilustres!

Historias Intra da Bisbarra