Coñecín ao profesor don Antonio Fraguas en 1956-58, cando eu era un rapaciño que cursaba os dous primeiros anos de Bacharelato no Instituto Masculino de Lugo, e el meu profesor de Xeografía como catedrático desa materia. Anos despois, xa en Compostela, volvín ser alumno seu na Facultade de Filosofía e Letras no curso 1967-68. Pero, por circunstancias da vida, o seu maxisterio e amizade continuou para min nos moitos anos en que convivín e colaborei con el en institucións como o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, a Real Sociedade Económica de Amigos do País da cidade de Santiago, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego. Sinalo todo o anterior para manifestar a miña honra de ter sido discípulo case permanente de don Antonio, un bo exemplo de bonomie, mais tamén un erudito e docente de cualidades moi relevantes.
Non me resulta doado resumir todos os aspectos da vida e obra deste mestre, pois a suma das vivencias e análises da súa obra sumarían moitas páxinas. Por iso, seguindo os pasos en parte dados en varios escritos que elaborei arredor da súa figura, voume cinguir, no esencial, aos afastados tempos no Instituto de Lugo e converterme de novo nun rapaz daqueles que nese centro se definían co alcume colectivo de pipiolos, se eran de primeiro curso, e codelos se ían xa polo segundo.
O trazo do catedrático Antonio Fraguas que me ven á memoria de xeito inmediato, ademais da súa innata bondade, é a súa sinxeleza e claridade á hora de explicar a súa materia. Neste aspecto respondía moi ben a un principio recollido no lema dos vellos catedráticos de Instituto e de Universidade: “Perfundet omnia luce”. Para lograr esa virtude docente acudía a recursos como contar anécdotas cheas de contidos que engaiolaban aos mociños que eramos. Pero tamén usaba un método que foi moi ben destacado por unha antiga alumna súa en Compostela, despois profesora como el e estudosa do seu labor nas aulas e nas súas propostas didácticas, María Xosé Enríquez,o de buscar exemplos ou citar fenómenos xeográficos da contorna próxima do alumnado. Esta tendencia levábao a lembrar, por exemplo, os ríos e montes de Galicia, os que, por razón de proximidade, podían resultarnos máis familiares. E isto deixou en min pegadas que chegan ao presente. Velaquí, a seguir, unha pequena mostra.
Unha das cousas das que nos falou algo don Antonio foron os ríos e montes da Galicia central e occidental. Entre os ríos, consigo, aínda hoxe, repetir “de corrido” exemplos como o Navia, o Eo, o Masma, o Landrove, o Sor... E no referido aos montes, o Cadramón, o Xistral, a Faladoira, a Capelada, a Loba, o Cova da Serpe, o Faro... Con todo, unha vivencia puntual, que paso a resumir, foi a máis interiorizada por min. Trátase de que eu adoitaba pasar uns días do verán na costa cantábrica, e nunha destas estadías fixera, con meus pais e outras amizades, unha excusión ao Mondigo, un dos montes que pechan a chamada rasa litoral astur-galaica polo sur. En consecuencia decidín falarlle a don Antonio dese monte e tamén dun dito que oíra na Devesa: “Cando o Mondigo cobre o capelo, todas as vellas temblan de medo”. Axiña o meu profesor Fraguas valorou positivamente a miña experiencia e tamén salientou o interese do anterior refrán, un característico dito meteorolóxico que recorre á brétema no Mondigo como sinal do mal tempo que preocupa á xente de idade. Deste xeito, un rapaz de 11 anos puido ter a sensación, por uns momentos, de ser non suxeito paciente, senón co-partícipe dunha clase de Xeografía!!
Outros alumnos tiveron a oportunidade de vivir con don Antonio situacións como a miña antes citada. Así se deduce de traballos seus como un dedicado a castros da comarca lucense, publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos en 1962, pouco tempo despois de deixar a docencia en Lugo para pasar a exercela no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. En efecto, nel aparecen citados estudantes como López Somoza e Juan José Neira Torviso, os dous seguramente alumnos con afecto e respecto cara o seu profesor de Xeografía e Historia.
O feito de non ter a don Antonio como profesor de Bacharelato despois dos 12 anos veuse en parte compensado por poder aprender Historia baixo o maxisterio de don Xesús Díaz, o seu sucesor na cátedra, e tamén polas moitas leccións prácticas de saber e de ética que, xa sendo licenciado e doutor, o profesor Fraguas me deu en Compostela ao longo de tres decenios.
Que Deus lle premie o seu labor no ceo dos bos e xenerosos.