Fun alumno de don Antonio nos inicios dos anos 50. Polo menos en dous ou tres cursos. E de todos aqueles magníficos profesores que tiven no Masculino, foi un dos que, fóra da súa asignatura, me deu leccións que me marcaron. Unha delas, a do respecto mutuo que se deben as persoas.
Case me temblaban as pernas cando por primeira vez oín que me trataba de vostede: “Rivera, suba a dar la lección”. Sentada esa base de respecto hacia min, que outra alternativa tiña eu que a de responder da mesma maneira con el, e con todos os que eran como el?
Con aquel “vostede” de don Antonio, recibín a primeira lección, que non foi a única para modelar o carácter dun neno.
Houbo outra ben distinta e que tivo uns inicios nada agradables: chegara ao Instituto unha moza licenciada, pouco máis de vinte anos, á que o profesor acolleu como reforzo para as súas leccións. Non me pregunten os motivos, pero a aquela
rapaza non só a recibimos de uñas, senón que un día seguímola pola rúa Bispo Aguirre golpeando con forza as carpetas, mentras a ella lle caían as bágoas.
Aínda me avergoño daquel lamentable espectáculo polo que don Antonio, sen erguer a voz, sen modificar o seu xesto amable, botounos unha bronca inesquecible que tivo moita influencia no comportamento de todos a partir daquel momento. Teño a sensación de que don Antonio foi, para a nosa xeneración, aparte dun gran docente, un modelador da nosa educación e do noso comportamento futuro.
Don Antonio trataba con moito cariño a todos os seus alumnos, aos que nos parecía un avó (e acababa de cumprir 50 anos), pero tiña debilidade non ocultada por un, o fillo do avogado Benigno Varela, Juan José Varela Rodil, regular estudante e moi zalamero, que sabía aproveitar aquela íntima amizade de don Antonio co seu avó: ”Don Antonio, por favor, no me suspenda; no lo haga por mí, hágalo por mi abuelo que se llevaría un gran disgusto”. A don Antonio facíalle moita graza, e non podía ocultar unha risiña bonachona e pospoñía o cate dándolle ao neto do amigo unha nova oportunidade.
Hai que destacar que, ao final, esa oportunidade tiñámola todos, pero Juan José traballábaa de maneira distinta; e simpática.