Os rapaces do Instituto e o bo de don Antón Fraguas

Eu son un dos rapaces de Lugo que fixemos o bacherelato no Plan de 1958, e tiven o privilexio compartido de ser alumno de don Antón Fraguas, en dúas etapas. Primeiro, o profesor Fraguas, xunto co temible don Ramón Olano e don Germán Alonso, formaban o tribunal do exame de ingreso. Dou fe de que si non fora pola bondade de don Antón Fraguas, a maioría de nós, dados os disparates que largamos, non houberamos pasado a proba. Aínda vexo o seu sorriso cando nos correxía amigable, de feito que comprendía o noso nerviosismo e suplía a nosa burremia coa súa bondade. Penso que outros compañeiros daquel tempo poderían dicir o mesmo.

Logo volvín ter a sorte de me atopar con el no segundo curso de bacharelato.Que morea tiñamos de profesores excelentes! Ademáis de don Antón, o temido don Froilán, puña notas negativas en latín; o sabio don Ramón Olano, que nos daba duro coas matemáticas, a señora Torviso en Ciencias, a doña Graciela en letras, a quen os rapaces puxeramos un hipocorístico coa marca duns camións daquel tempo….E tantos e tantos.

Entre eles sobresalía don Antón Fraguas, coa sua didáctica moderna e a súa xenerosa visión do futuro de que algún día aprenderíamos….Certifico que era raro que suspendese a ninguén.

Facía das clases de xeografía unha sesión divertida máis aló do meramente xeográfico. Porque mixturaba a mera  xeografía coa historia, mesmo o dereito internacional e a economía. Aínda hoxe me lembro de como explicaba o do Benelux, que os ilustres colegas do segundo curso de bacharelato no Instituto Nacional de Ensino Medio de Lugo pensabamos que era unha marca de xabón.

Fernando Ramos

 

O seu sorriso e a súa paciencia eran proverbiais, e nos correxía ata con humor cando situábamos París perto de Budapest e burradas semellantes no exercio de colocar as cidades do mundo nun plano en branco. Daquel tempo aínda me lembro, grazas a don Antón, das penínsulas de Asia ou teño claro onde se atopa o estreito dos Dardanelos. Anos despois, sendo eu xa xornalista, nunha ocasión na que me atopei con el en Santiago e lle lembrei que fora o seu alumno no instituto de Lugo, riu moito cando lle dixen que me podía examinar, porque me lembraba aínda dos territorios polos que discorre o Rhin, xa que era un dos temas nos que descargaba a nosa imaxinación e si tiñamos a man o Miño, que máis nos daba por donde pasara o Rhin.

Para os seus alumnos do Instituto de Lugo, o seu perfil quédase curto, xa que como o tiñamos como profesor de Xeografía, cátedra recuperada nos anos 50 logo de sufrir como tantos mestres a depuración franquista, non sabíamos daquela que tiñamos o luxo de ter de mestre a un home, diría eu, do Renacemento, historiador, etnógrafo e antropólogo de paso. Todos estes saberes, aínda que non nos decatáramos delo, verquíaos sobre aquela tropa de rapaces bullangueiros que tardaríamos anos en recoñecer o feito de que puidera volver a súa cátedra no ensino público e nós a sorte de estar alí.

Xa era hora deste recoñecemento de que se lle dedique o Día das Letras Galegas que, ao meu ver, se lle debía hai tempo. No pasamento de don Ramón Otero Pedrayo, volvín atopalo e falei dabondo con el, e tiven o privilexio, no turno dos xornalistas, de facer un relevo para levar o cadaleito de don Ramón cando este pasou dos membros da Real Academia da Lingua Galega aos xornalistas galegos. Foi unha curiosa coincidencia que fora o meu ombreiro o que tomou a praza de don Antón Fraguas. Gustoulle moito que un dos seus vellos alumnos estivese alí.

Fernando Ramos