A festa das Letras Galegas lévase celebrando dende 1963. Nesta ano cumpríase o centenario da publicación de Cantares Galegos de Rosalía. Esta obra marca o inicio do Rexurdimento da cultura galega.
Persoalmente tíñame parecido que era unha celebración que marcaba e solemnizaba o final do ano académico, ata que un ano (concretamente o ano 2011) un grupo de alumnos fíxome esta pregunta: Quén é este autor, e qué podemos aprender del?
Xulián Parga con Antonio Fraguas e a súa dona
Quedei un pouco desconcertado ante esta pregunta, xa que eu admiraba o autor que se homenaxeaba; pola contra, os alumnos ignoraban todo sobre el, e eran absolutamente escépticos nos actos que celebrabamos. Ante tal situación esforceime en explicarlles os motivos polos que tódolos anos se homenaxea un autor ou autora no Día das Letras. Repetín o propósito dos fundadores: “Por teren destacado nas súa creación literaria en lingua galega e pola súa defensa de dita lingua”.
Despois dunha exposición breve destes motivos, dispoñíame a seguir cuns exercicios literarios (poéticos) do autor cando se ergueu unha man para dicirme: “Profe, nós, como ben sabe, somos de ciencias e gustaríanos aprender algo máis ca poesía”.
A resposta (aínda hoxe non sei se acertada) foi: “Pois nesta poesía atopamos un anaco da vida do autor, polo tanto, imos aprender algo do vivir. Da nosa maneira de vivir e de sentir a vida”.
É por isto, para que non se repitan esas preguntas, polo que me parece obrigatorio seguir a subliñar algúns rasgos da vida do noso autor:
D. Antonio deunos un exemplo vital de loita e resistencia/resiliencia nas súas crenzas. Asemade, como se pode comprobar na súa biografía e nas testemuñas dos seus alumnos lucenses, foi un exemplo como profesional do ensino. Cómpre destacar que foi un notable defensor e practicante das liñas da vangarda pedagóxica de España, en particular da Institución Libre de Enseñanza, que tantos e tan bos froitos aportou ao ensino, tamén en Lugo, representado no Colexio de Fingoi que, casualidades da vida, comezou a funcionar no ano (1950) o mesmo en que D. Antonio Fraguas chegou á capital das murallas.
Podemos destacar tamén o seu importante labor de investigación na historia de Galicia e na mentalidade dos galegos, presentes na súa obra sobre antropoloxía histórica e nas ramas do folclore, da etnografía, da xeografía… O insigne profesor Dr. Francisco Díaz-Fierros afirma (La Voz de Galicia 23 / 7 / 2018) : “Traballou para salvar do esquecemento esa cultura, que describiu maxistralmente coas súas verbas enxebres e agarimosas, nunha época que permanecía viva en moitos recantos do país, pero xa comezaba a manifestar signos inequívocos de cambio”. Este traballo tivo un aspecto ben claro que é necesario destacar: a dedicación á recuperación e revalorización da lingua galega recolleita nos cantares, nos contos, lendas, refráns e ditos populares.
Como sabemos, a especificidade evolutiva consiste en que os humanos temos desenvolto unha vida diferenciada dos animais. Esa diferenciación procede fundamentalmente do proceso evolutivo que nos conduciu a un desenvolvemento maior da nosa fisioloxía, e especialmente do cerebro e das súas funcións, manifestadas na reflexión e na capacidade de pensar e de intelixir.
Nesa evolución sabemos que a lingua é un produto supremo e diferenciado da nosa función cognoscitiva, mente, intelixencia, raciocinio (ou como queiramos dicir). Polo tanto, cómpre “ver” a relación entre a mente (psiquismo) e o corpo (bioloxía). Existen, sobre este asunto, dúas teorías que se siguen a manter ao longo da historia: monismo e dualismo.
- Os monistas consideran que a mente é unha actividade do cerebro dos mamíferos superiores, en especial dos humanos. Polo tanto, a mente non se diferenza do propio cerebro.
- Os dualistas, pola súa parte, sosteñen que ademais da parte material que é o cerebro, existe unha entidade non material das ideas e dos sentimentos.
Prescindindo desta discusión teórica, existe unha situación patente na que comprobamos que todo ser humano nace cunhas capacidades. Estas son o resultado dun longo proceso evolutivo que nos permite transformar o meramente biolóxico en biográfico, isto é, nunha vida autoposuída e da que somos responsables, responsabilidade que compartimos na vida social, xa que as nosas accións están intermediadas pola nosa conduta e coa relación e percepción dos demais, dos outros. Nas relacións sociais xoga, na vida persoal e social, un papel decisivo a linguaxe.
No ámbito dos estudios mentais e lingüísticos existe unha discusión teórica, na que D. Antonio toma partido (como veremos), sobre a relación entre o pensamento e a linguaxe.
Esta cuestión céntrase en catro enunciados:
I.- O pensamento e a linguaxe son independentes.
II.- A linguaxe e o pensamento son e forman parte dun mesmo proceso.
III.- Son procesos nos que un depende do outro. Esta posición ten dúas versións segundo quen domine:
a) O pensamento domina a linguaxe.
b) A linguaxe condiciona ou fai o pensamento.
IV. Pensamento e linguaxe son interdependentes.
Vexamos un pequeno desenvolvemento de cada teoría:
I.- O pensamento e a linguaxe son independentes.- Afírmase que se poden dar linguaxes sen referencias no pensamento, e tamén ao revés: pensamentos inefables (inexpresables) como son os pensamentos místicos, poéticos… Asemade os especialistas en psicoloxía animal falan de un pensamento animal sen correlato lingüístico. O gran defensor desta opción foi Shopenhauer. Afirmaba este autor nihilista que os pensamentos morren ao quedar enxaulados nas palabras.
II.- A linguaxe e o pensamento son e forman parte dun mesmo proceso. É a teoría que está presente ao longo de toda a historia. Xa na época clásica grega a palabra (logos) pode adoptar unha dobre cara: a interna, que é o pensamento, e a externa, son as palabras. Descartes dicía que os animales non falan porque non teñen a capacidade de pensar. No século XX, Watson (condutista) di que o pensamento é unha capacidade cerebral. Os universais lingüísticos estudados por Noam Chomsky viñeron a reforzar esta teoría.
III.- Pensar e falar son procesos nos que un depende do outro. A primacía determínase segundo o dominio sexa do pensamento ou da linguaxe; esta posición ten dúas versións segundo atendamos a ese criterio:
a.- O pensamento domina a linguaxe. As formas do falar dependen directamente das maneiras de pensar, é dicir, as nosas palabras reflicten os nosos pensamentos. Esta teoría gozou e goza dun grande predicamento, recordemos que para Descartes o pensamento claro e ben preciso constitúe a base das nosas certezas. Ademais o biólogo e pedagogo suízo Jean Piaget, desenvolve a súa psicoloxía cognitiva baseándose nesta teoría. Segundo Piaget, a linguaxe é unha manifestación do grao de desenvolvemento intelectual. Fixo un estudo sobre a evolución e as etapas polas que pasa o intelecto até os 16 anos. Estes outros estudos do autor cambiaron a pedagoxía e, ao mesmo tempo, fortaleceron esta teoría.
b.- A linguaxe domina, condiciona ou fai o pensamento.- Esta hipótese afirma que a linguaxe determina (versión ríxida) ou condiciona (versión adaptativa) o noso pensamento. Polo tanto, como a linguaxe é un factum (un dato, un feito, un acontecer) individual e social, podemos dicir que a nosa fala determina ou condiciona o noso pensamento. Os iniciadores desta hipótese foron alemanes: como o poeta Herder e o filósofo W. von Humboldt. Este autor considera que a linguaxe, cando lle dá nome a algo, de feito, crea o pensamento. Así o espirito introdúcese na esencia mesma das cousas.
No século XIX reforzaron esta teoría o estadounidense de orixe alemán E. Sapir e o seu discípulo B. Whorf. Consideran tamén que a lingua non somentes permite a transmisión do pensamento, senon que tamén o constitúe, de tal maneira que a lingua dunha comunidade determina a súa maneira de ver o mundo (cosmovisión) e, mesmo, de pensar. De tal maneira que dúas comunidades que falen idiomas distintos, viven realidades diversas, posto que a imaxe do mundo real dánnola os hábitos e as estruturas lingüísticas.
IV.- Pensamento e linguaxe son interdependentes. Os procesos de coñecemento e de expresión lingüística aparecen / xorden como independentes, e cando a persoa domina a linguaxe, ámbolos dous procesos entran en contacto de complementariedade e de mutua dependencia: o pensamento enriquece a lingua, e esta convértese nun instrumento poderoso para mellorar o pensamento. Defendeu esta teoría Lëv Seminionovich Vygostski, para el a relación entre pensamento e linguaxe é unha relación viva e dialéctica. O pensamento “sae” do suxeito a través da palabra, xa que unha palabra sen pensamento é simplemente voz (flatus vocis, como dicían os clásicos), e un pensamento sen palabras é unha pantasma descoñecida.
Vistas estas hipóteses, debemos afirmar: a teoría que “impregna” a circunstancia (no sentido orteguiano) de D. Antonio Fraguas é a desenvolta no apartado III b, é dicir, nela afírmase en síntese: a linguaxe determina ou condiciona o pensamento. Na ideoloxía galeguista era esta unha opinión común; podemos constatalo en tres textos de D. Ramón Piñeiro tomados da súa obra Olladas no futuro (Ed. Galaxia. Vigo 1974): “Cando un pobo crea unha lingua de seu, dalle expresión, dalle vida fecunda á comunidade de ideas e sentimentos”. (páx. 34). A lingua dá as ideas.
“De tódolos elementos en que unha cultura se afinca o idioma é o máis radical e representativo. O idioma é xa unha gran creación colectiva.. En realidade, a máis grande creación colectiva. Por ser obra creada por todos e poseída por cada un, é mesmamente aquelo que a todos fai irmáns, aquelo que lle dá a unha comunidade social a fisonomía obxetiva de pobo. Toda comunidade social que chega a crear unha lingua de seu, un idioma, convírtese en comunidade espiritoal…” (páx. 97). A lingua constitúe á comunidade espiritual.
“E coa apertura á língua (por aqueles que a ignoraban ou desprezaban) ou a súa aceptación plena, xurde neles unha nova óptica da realidade galega e, a partir dela, unha nova sensibilidade máis solidaria.” (páx. 259). A lingua cámbianos a cosmovisión.
Fraguas nun acto académico en Lugo
Establecendo que desta maneira de pensar, insistimos, participa o profesor Fraguas, podemos “velo” na obra do noso autor quen, no inicio da súa publicación “La iglesia de Santa María de Janza”, escribía: “Estos apuntes… no representan más que una reunión de notas al servicio de especialistas. Su aportación tiene solamente el valor que pueden otorgarle los documentos consultados”.
Respetando o sentir do Profesor, cómpre dicir que a súa obra é un labor impresionante a prol do coñecemento do ser dos galegos, é dicir, cos seus estudios podemos deducir como somos e por que os galegos somos así. Pois ben, nunha visión xeral da abondosa obra podemos centrarnos en catro grandes temas:
- Territorio: paisaxe, reparto da terra, arquitectura (monumentos, vivenda).
- A lingua e a literatura, en especial, a literatura oral: lendas, contos.
- Costumes, festas, música, baile…
- Crenzas, especialmente as relacionadas coa morte. As devocións populares e peregrinacións son tamén obxecto de estudio.
Estes temas fóronse desenvolvendo de diferentes maneiras na sociedade galega, estruturados por unha lingua e uns dicires colectivos para explicar e ser transmitidos ás seguintes xeracións. As experiencias lingüísticas, fundamentalmente sobre esas catro cuestións, e outras, constitúen o sermos galegos que, para don Antonio, deducimos, maniféstanse tamén en catro grandes rasgos xerais do ser galego:
- Unha persoa moi arraigada na súa terra, especialmente ligada á súa casa, á súa familia e á súa comunidade de orixe ou de crianza.
- Persoa que goza coa charla, os contos e as lendas; pero que non adoita ser un falabarato. Aínda máis, nas cuestións realmente serias a palabra dada é lei.
- Realmente aos galegos, máis que a festa, gústanos a celebración e a reunión de amizade. A boa comida e bebida énos moi apreciada, tamén a música e o baile.
- O misterio e o misterioso, ao mesmo tempo que asusta e sorprende, tamén atrae. Os temas sobre a morte, as súas manifestacións e lendas son unha constante na cultura galega.
Vida Gallega, 1955
Todos estes temas foron tratados polo Profesor Fraguas na súa ampla traxectoria de publicacións. Podemos ver esa traxectoria facendo repaso das súas publicacións durante os nove anos que estivo en Lugo. Para non facérmonos cargantes citaremos dúas publicacións por cada ano:
1950.- Colaboradores gallegos de Madoz.
- Pastor Díaz en el Colegio Fonseca.
1951.- Xa temos citado La Iglesia de Santa María de Janza.
- Historia de las catedrales.
- Literatura Gallega.
1952.- Realidad y leyenda de la montaña lucense.
- Farsas de carnaval en Touro.
1953.- Neste ano publica a que se considera unha das súas mellores obras:
Geografía de Galicia.
Deste mesmo ano son tamén:
- Apuntes sobre las mámoas lucenses.
- Una impresión del viaje de los Reyes Católicos a Galicia.
1954.- Portomarín o la gracia medieval.
- Músicos y cantores populares.
1955.- La Vega de Noya.
- El nacimiento del Miño y sus leyendas.
- Don Gumersindo Laverde Ruíz, Catedrático del Instituto de Lugo.
1957.- Neste ano sae á luz, na nosa opinión, o traballo máis “creativo” de Fraguas: Galicia insólita.
- Murallas de Lugo
Ademais este bienio (1957- 58) coincide co período de máis estudos de tipo costumista, tales como:
- Costumbres de fin de año.
- Aportaciones al estudio folklórico del castaño, de la castaña y el magosto (publicacion feita en Portugal: Revista de Guimaraes).
- El aguinaldo de Reyes.
- El carnaval. Punto final de Ruada.
1958.- Tradición y recuerdo de la Semana Santa campesina.
- Algunos dichos del vino.
1959.- O Catedrático de Geografía e Historia do Instituto de Lugo despídese con catro publicacións:
- De Bayona a Tuy por A Guardia.
- En torno a la Costa de la Muerte.
- El Corpus en la Campiña.
- La Virgen en la canción popular
(Diario La Noche, 20 de agosto de 1959).
El Ideal Gallego, 23 junio 1957
Ata aquí temos exposto os alicerces, facilitados polas pescudas do noso profesor, dunha dedución sobre o ser dos galegos. Polo tanto, a proposta do prototipo dunha persoa galega corresponde á época de don Antonio, é dicir, do século XX. Quere isto dicir que corresponde a unha época que ten evolucionado e, en moitos aspectos, está caducada, ou a piques de morrer. O profesor Fraguas era consciente desta situación, por iso procurou conservar memoria documentada daquela época. É algo que cómpre agradecer, porque así podemos construír un futuro coherente coa nosa historia.
Por evolucionar, ten evolucionado ata unha das teorías básicas da antropoloxía lingüística na que se baseaba o método de traballo, nomeadamente da Teoría de Sapir. Esta teoría tivo que ser liberada de interpretacións lixeiras convertidas en tópicos. Este foi o labor da profesora da Universidade de Santiago de Compostela María Xosé Fernández Casas na súa publicación de 2003: El relativismo lingüístico en la obra de Edward Sapir. Una revisión de tópicos infundados. Afirma como conclusión do seu traballo:…Sapir no está negando la existencia de “tendencias generales” al defender una visión relativista de los fenómenos que estudia. A lo que se opone radicalmente es al establecimiento de “absolutos”, de principios que se juzgan inmutables y que, al fin y al cabo, no son más que la proyección de nuestros propios valores sobre todo aquello que nos resulta extraño”. “What fetters the mind and benumbs the spirit is ever the dogged accceptance of absolutes” (Sapir 1924, p. 159), ésta es la idea medular sobre la que se sostiene el relativismo sapiriano –inspirado por la esencia estructuralista de su pensamiento-, y así es como debe entenderse.
De tódolos xeitos, a crítica máis coñecida do relativismo lingüístico (tópico) de Sapir é a visión sexista e nacionalista á que nos pode levar.
O método dominante da investigación lingüística xa pasou pola teoría de Vytgoski e camiña agora pola teoría computacional da mente, terreo no que ten destacado o canadiense Steven Pinker.
Fraguas nun dos Cursos Universitarios de Primavera de Lugo
Os cambios son efecto da filosofía postmoderna, da tecnoloxía e da globalización. Creo que, felizmente, fronte á globalización están a xurdir movementos de glocalización (localización dentro da globalidade), é dicir, hai comunidades que promoven accións que, sen perder de vista a universalización de aspectos da nosa vida, buscan ter referentes seguros desas comunidades en que se organizan coa base do que lles é propio. Neste terreo é de destacar, en Galicia, o traballo do IEI (Instituto de Estudios das Identidades), creado no 2005 polo Museo do Pobo Galego. Traballos que buscan a actualización das ideas identitarias
Polo dito, volvemos a insistir que o gran mérito de D. Antón Fraguas foi procurar a conservación, a memoria documentada daquela época. É algo que cómpre agradecer, porque así podemos construír un futuro coherente coa nosa historia.
No xornal El Progreso de 6.11.1999, lémbrase a homenaxe dos antigos alumnos lucenses, e publícase un artigo do antigo alumno e gran amigo Xulián Parga