O profesor que recordo con máis agarimo, admiración e respecto

Era xuño do ano 1954. Presentábame por primeira vez diante dun tribunal, o correspondente ás probas de ingreso no Instituto Masculino de Lugo.

Este tribunal estaba presidido por don Delio Mendaña, e exercía como secretario don Antonio Fraguas e Fraguas. Cando un ten once anos, un tribunal así impresiona. Con todo, don Antonio deixoume unha profunda pegada nese momento, tan só con presentarme ante el, pola súa amabilidade, comprensión e delicadeza ao realizar as preguntas de rigor. Creo recordar, aínda que hai moitos anos, as preguntas que me fixo; unha delas, os ríos de España. Aprobei o exame, e así empezou o período dos tres primeiros cursos do bacharelato, cunhas clases de xeografía e historia inesquecibles.

A estas clases non faltaba ninguén, e ata viñan alumnos doutros grupos e doutros cursos. Lembro as excursións como actividades extraescolares, o percorrido pola Serra de Meira, o Pedregal, nacemento do río Miño, e polo Castro de Viladonga, naquela época sen escavar.

Na clase non falaba en galego. Fóra do Instituto, sempre. Chamábanos a atención este feito. Acudía á Tertulia do Méndez Núñez, polas tardes, con varios lucenses moi coñecidos. Lembro que vivíu na rúa do Xeneral Tella.

Foi don Antonio Fraguas o profesor, dos moitos que tiven na miña vida de estudante, que recordo con máis agarimo, admiración e respecto, pola súa bondade e sabedoría.