Patrón e amigo

Tiven o privilexio de ter como Profesor a D. Antonio Fraguas unicamente un curso, no ano académico 1952 -53, na materia de historia. Do acontecido naquel tempo non tiña reflexionado ata que pasou certo tempo, e topeime con outro tipo de “ensino” case nas antípodas do modelo do Profesor Fraguas.

Rememorando aqueles días, cheguei ao resume do título sobre a figura do noso profesor que máis semellaba un “paisano” dun pobo que todo un Catedrático; este sabio galeguista que nos tocou en sorte para min foi: un humilde patrón e un docto amigo.

Insisto nestes dous valores seus, que enseguida se percibían nel: a humildade con que dicía as súas ensinanzas, que sempre chocaban coa docta profundidade e dominio do que transmitía.

Na terminoloxía sociolóxica o patrón maniféstase nun conxunto de normas destinadas a guiar unha conduta, p. ex: unha aprendizaxe. Na faena mariña o patrón é o encargado de levar o barco a bo porto. Pois ben, o barco das nosas vidas adolescentes tivo, entre outros, o modelo dun docente/patrón e amigo, quen, ante todo, irradiaba respecto e interese polos seus alumnos. Había veces que, cando o escoitabamos, parecía que un pai ou un irmán maior che estaba a contar un sucedido histórico.

Cando nós xa pasamos a sermos maiores, estudamos que hai tres maneiras básicas de aprender: Unha.- Polos estímulos recibidos. Dúas.- Polos efectos ou derivadas das consecuencias das nosas condutas. Tres.- Por imitación ou observación de persoas que nos serven de patrón ou modelo de algo que podemos e queremos imitar. Segundo os teóricos da Aprendizaxe Social esta é a forma en que máis aprendemos os humanos. Precisamente este foi o papel do noso amigo e patrón: constituírse para nós nun modelo de facer e vivir.

Falar das clases que impartía esta autoridade galeguista é, como mínimo, dicir unha imprecisión, xa que, para min e tamén para outros, as horas pasadas con este profesor tiñan máis ben as características dunha reunión e coloquio de amigos ca unha acto dun catedrático consagrado. Por suposto, esquecíamos todo o relativo ás notas e demais matracas burocráticas, porque o que queríamos era simplemente aprender.

Ese grupo de amigos do curso dispuñan doutro amigo con máis idade e, polo tanto, con máis experiencia e coñecementos, que nos presentaba de maneira agarimosa á historia, en xeral, e á de Galicia, en particular. Esa descuberta da realidade histórica era confirmada polas nosas vivencias na sociedade. Cómpre observar que cando D. Antonio falaba en galego era do máis normal e coñecido por todos, insisto, era a lingua do pobo, o falar da xente nosa. Nin era engolado, nin estrafalario. Demostraba ter un grande dominio da nosa lingua, da fala que nós empregábamos nas nosas casas. Semellaba que nel todo era previsible, pero non era así; a personalidade do noso amigo agochaba aspectos curiosos. Para min houbo tres aspectos que me impresionaron, a saber: a relixiosidade, os seus gustos gastronómicos e a súa mentalidade práctica:

  • A relixiosidade que moitos dos meus compañeiros coñecían, pero eu non. Alguén me dixera que por ser do Partido Galeguista, estaba castigado en Lugo. E isto concordaba con que, tódolos sábados (14:30) subía ao Bus do Freire e ía a Santiago; pero resulta que –a pesar do papel da igrexa naquel tempo - era un fiel de misa case diaria, e membro da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago.
  • Os gustos gastronómicos estaban relacionados coa conversación, as informacións antropolóxicas e a degustación de pratos da aldea que agradecía profusamente con frecuentes recuncadas. Estas afirmacións podían ser referendadas pola propietaria (nai do noso compañeiro Luis Rodríguez Santos) do Hostal La Madrileña.
  • Aínda máis sorprendente foi o descubrimento dun home que, baixo a aparencia dun profesor utópico (na procura dunha Galicia nova), tiña unha mentalidade ben pragmática. Esta faciana descubrina cando lle oín dicir varias veces: hágase el milagro, hágalo el diablo.

Creo que, co que levo escrito, non descubro nada novo sobre as calidades do profesor-amigo, incluso atrévome a chamarlle mestre do noso propio descubrimento, da nosa nacente identidade, e do rol que íamos desenvolver no mundo en que vivíamos. Mundo que, por outra banda, non era fácil para ninguén, e moito menos para o noso patrón e amigo. Debo resaltar que endexamais lle escoitei unha queixa dese mundo, nin dos sucesos que tanto o martirizaron.

Cómpreme, pois, reafirmar que souben deses sufrimentos cando D. Antonio xa tiña marchado de Lugo, pero non das nosas vidas, nas que el deixou o seu selo de agarimo e sabedoría. Por iso, GRACIÑAS D. ANTONIO, patrón e amigo.