Serio, sempre de pé, impartindo leccións maxistrais

Conservo o libro de calificación escolar do Bacharelato, cursado no Instituto Nacional de Ensino Medio de Lugo entre os anos 1948 e 1954; posteriormente, o preuniversitario en 1955. Ábroo, e observo a sinatura de don Antonio Fraguas, como secretario do tribunal calificador nos anos 1952 e 1953.

As lembranzas que me trae este profesor de Xeografía e Historia, son principalmente de dous tipos:

Nas clases teóricas, chamábame a atención o seu aspecto serio, sempre de pé, impartindo leccións maxistrais, que  raiaban ás veces na conferencia. Desgraciadamente, coinciden nunha idade na que aínda non es capaz de aprecialas e aproveitalas en todo o seu valor.

Nalgunha clase práctica, cando nos levaba camiñando ao campo, en ocasións bastante lonxe de Lugo capital –lembro unha delas á zona de Caldeonde nos ensinaba as mámoas, ou medorras que así tamén lles chamaba, lamentando o seu estado, sempre de profanación, que impedía ter conservado restos importantes duns enterramentos da época megalítica.

Pola miña posterior profesión de Enxeñeiro de Montes, teño pasado moito tempo no campo, e sempre que vía algunha pequena elevación do terreo, pensaba que ben podería ter sido unha daquelas sonadas mámoas de don Antonio Fraguas.
Era un home moi amante do seu pobo de orixe, a terra de Cotobade lle chamaba, á que moitas veces facía alusión.