Sobre don Antonio Fraguas Fraguas

Coñecino a comezo dos anos 50 do pasado século. Sendo alumno do Colexio Fingoi, onde en primeiro de bacharelato a Xeografía e Historia dábaa don Ricardo Carballo Calero, ao non estar recoñecido este colexio tiven que examinarme en maio por libre no Instituto de Lugo.

Alí, ao ser chamado, de pé, ao ver meu apelido, don Antonio preguntoume: “¿Qué quiere decir Valiño?”, “Dígame entonces qué es un valle”… “y un río”. Logo, en historia, “¿quién fue el primer rey de Castilla?”… e así ata quinto de bacharelato, sempre cunha cordial actitude cara a min, coma con todos os alumnos libres, entre os que lembro aos curmáns mindonienes Miguel Cabanela González-Seco e Cesar Cunqueiro González-Seco, compañeiro meu este último na Facultade de Dereito de Santiago.

Rematado o curso, viaxei no autobús da empresa Freire de Lugo a Santiago, para examinarme de Preuniversitario. Encontrei nel a don Antonio Fraguas, do que acababa de ser alumno no Instituto da asignatura que tocaba aquel ano, “Portugal y la cultura portuguesa”. No autobús díxome dúas cousas: “Por mi experiencia de viajar mucho a Santiago, le recomiendo que vaya en un transportín, que es donde menos se nota el movimiento del vehículo” e “Anímese a estudiar la carrera de Filosofía y Letras, y luego hacerse catedrático de Instituto; puedo asegurarle que no nos morimos de hambre”.

Pregunteille eu, “Como usted es doctor, ¿por qué no se ha hecho catedrático de Universidad?”, respondéndome “Me presenté en una oportunidad, y en uno de los seis ejercicios que había establecido la República (que estuvieron vigentes hasta 1983), el Tribunal me echó en uno en el que de ordinario no lo hacen con nadie… entonces me di cuenta de que debía seguir en el Instituto, sin mayores aspiraciones”.

Daquela única vez que o tiven como profesor directo, lembro algunhas cousas que dixo, ademais de explicar magníficamente o relativo á historia de Portugal e a súa Literatura. Naquel curso, uns marroquias apoderaránse do cabo Bojador e asasinaran ao encargado do faro. Condenou don Antonio o feito e puxo de relevo que aquelhome era ante todo un servidor da Humanidade e non da Administración española.

Estudando xa en Santiago, atopábao a cotío preto do Instituto no que el seguía dando as súas magníficas clases, en moitas ocasións paseando coa súa muller pola Ferradura. Lembro un día no que estabamos falando e pasou don Camilo Barcia Trelles pola rúa, xa xubilado como catedrático de Dereito Internacional; levaba unha carteira. Don Antonio díxome, que noutra ocasión tíñao encontrado coa mesma carteira, e que lle comentara: “Seguro, don Camilo, que lleva usted ahí cosas sobre Francisco de Vitoria, el fundador del Derecho Internacional moderno”. “Efectivamente”, respondeulle don Camilo, “tengo que dar una conferencia sobre el tema y aquí llevo el texto”.

Don Antonio era un home que sabía moito, era ameno explicando, non era pedante; era sinxelo, católico practicante, sincero e congruente; non era un resentido, non falaba mal de España e, sobre todo, como profesor, era unha persoa que sabía transmitir aos alumnos os temas que explicaba, algo para min fundamental. Calquera podía preguntarlle e falar con el, e saudaba pola rúa a todos os alumnos, incluso aos que examinara por libre, como era o meu caso.

Agora que hai entidades que se ofrecen a escribir “Traballos de fin de grado” (TFG), e “Teses doutorais non plaxiadas”, un non pode menos que dar grazas por ter atopado persoas como don Antonio e moitísimos máis que ensinaban o que para min son os tres conceptos fundamentais para desenvolverse na vida: saber ler, saber escribir e saber falar.

Parece como se á Administración actual isto non lle preocupase. Se esas firmas fan estes ofrecementos é por ser conscientes de que moitísimos estudantes de secundaria non son capaces de escribir por si sós vinte folios sobre un tema. Ou non quixeron aprendelo ou non lle lo ensinaron.

Grazas, don Antonio, pola súa categoría e por ser un home de ben!