Un gran profesor, home bo e galeguista activo

O recordo de don Antonio Fraguas mantense inesquecible na miña memoria. Foi un dos meus profesores predilectos do bacharelato no Instituto Masculino de Enseñanza Media, hoxe Instituto de Educación Secundaria (IES). Pertenzo á promoción do ano 1953, cando os estudos remataban, tras sete cursos, coas probas do chamado Examen de Estado na universidade compostelana. A miña promoción tivo a sorte e a honra de recibir unha boa formación, impartida por un profesorado excepcional.

Naquela xeración de mestres cum laude, sobresaía don Antonio Fraguas. Con el aprendín xeografía e historia nos derradeiros anos do bacharelato. Era afable, tranquilo e  bondadoso, e dotado desa capacidade especial para o ensino dos grandes educadores. Escoitábao con venerable atención, absorto nas súas verbas, nas leccións maxistrais que nos daba, sempre amenas, sempre de fácil entendemento. Era para min a estrela daquel conxunto de grandes mestres que nos tocou ter como estudantes privilexiados, entre os que estaban o gran latinista don Froilán, Labajo, Mendaña, Lázaro Montero, don Primitivo, Bernis e outros cuxos nomes non recordo ao escribir estas liñas.

Naqueles anos da posguerra, a información tiña límites infranqueables; non chegaba aos rapaces. Mantíñase pechada nos discretos parladoiros da xente maior.

Por iso tardei moito tempo en saber da vida do meu admirado profesor, do seu paso polas Irmandades da Fala, da súa expulsión do posto de traballo tras a Guerra Civil polo seu amor a Galicia, pola súa condición de activo galeguista, e de como foi detido e denigrado por defender o Estatuto de Autonomía. ¡Que gran home era don Antonio! Sempre o recordaba con admiración e cariño, mais ese recordo fíxose máis intenso cando, moitos anos despois, coñecín a represión que tivo que sufrir por defender a súa terra. ¡Don Antón Fraguas! A súa voz e sabedoría, a súa actitude sempre nobre, sempre atenta ao seu alumnado, permanecen hoxe máis que nunca nun lugar moi especial dos meus máis gratos recordos. Por iso alégrame que a RAG lle dedique o ano 2019 ao eximio profesor.

Recoñecer a don Antón Fraguas, a súa personalidade profesional e humana, era unha débeda que xa se tiña que ter pagado hai moitos anos.