Don Antonio Fraguas foi un dos mellores profesores que tiven. Levaba a clase de xeito extraordinario, como se contase un conto. Parecía británico pola flema, cunha retranca galega inmensa, porque sempre levou Galicia no corazón. Notábase que era galeguista, pero nunca nos falou de política.
Xa hai agora 70 anos, organicei unha excursión que el quería facer cos alumnos a Santa Eulalia de Bóveda, e outra de dous ou tres días de duración a Ourense e Pontevedra. Eu tiña facilidades para a organización, porque ao haber comercio de ultramarinos na miña casa tiña contactos coas empresas de transporte, e encargábame tamén dos hoteis e todo. E organizaba bailes de alumnos no Hogar del Productor para recadar fondos.
Don Antonio sempre estivo moi contento co meu traballo de organizador, e foi extraordinario, e proba da súa excelente memoria, que cando en 1989 se lle organizou a homenaxe en Lugo, el íanos saudando un a un, comentando cousas que lembraba, e ao chegar a min faloume daquelas viaxes que tanto lle gustaban.
Tiña moito interese polos castros, e nunha ocasión acompañeino a Piugos a ver un. Interesoulle moito un topónimo en Soñar, “Fonte de Mouro”, e aló fomos preguntar aos veciños que sabían dos árabes e da fonte, que non atopamos. Pola miña casa pasaba moita xente de Piugos e Orbazai, e por iso eu resultáballe un bo guía para os seus percorridos.
Nas súas clases non facía falla coller un libro, e a elas non faltaba ninguén… metía historias polo medio para darlle atractivo… Era un home san, sincero, unha gran persoa… que nos marcou para toda a vida.